Clausuran en Burela unha nova edición de Produart
Tras unha fin de semana na que Burela se situou como a capital dos produtos do mar, o deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou no acto de clausura da XXII edición da Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos Produart, unha cita, que tivo lugar na Nave de Redes de Burela.
A institución provincial colabora con este evento, que organizou o Concello de Burela, a Asociación Ledicia e a Fundación Expomar, cunha achega económica de 3.700 euros. Ademais, a Deputación instalou un expositor informativo no que se deron a coñecer os diferentes recursos paisaxísticos, naturais e gastronómicos que se poden atopar na provincia. Dende o Concello de Burela aseguran que foi “un éxito rotundo, consolidando a cita conxunta como un dos eventos máis importantes do municipio”. A alcaldesa Carmela López realizou unha valoración moi positiva de ambas feiras, sinalando que “a participación masiva de veciñanza e visitantes foi un claro indicativo do aprecio e interese que xeran”.
“O delicioso bonito de Burela, preparado de múltiples formas, é sempre o punto forte da feira, ao que hai que sumar a variedade e calidade dos produtos de Produart, un atractivo que sumou moito na fin de semana”, indica a rexedora. López destaca que as feiras tiveron “un impacto económico moi significativo, atraendo turismo e promovendo os negocios locais”. “Os comerciantes e hostaleiros informaron dun incremento notable nas súas vendas, o que demostra a importancia deste tipo de eventos para a economía de Burela”, subliñou.
Ademais, “as actividades culturais, deportivas e de ocio contribuíron a crear a mellor atmosfera festiva”, afirmou a alcaldesa, que engadiu que “grazas a todo isto, a Feira do Bonito 2024 foi un éxito total, amosando unha vez máis o valor da nosa tradición pesqueira e a capacidade de Burela para organizar eventos de alta calidade”. Dende o Concello trasladaron o seu agradecemento polo traballo no evento aos voluntarios e voluntarias, ao persoal municipal, á SCR Ledicia, á Fundación Expomar e ó resto de entidades, asociacións, empresas e institucións “que axudan para que a fin de semana máis bonita do ano sexa cada vez mellor”.
Tamén a veciños, veciñas e visitantes “por vivir a experiencia con nós”. Carmela López quixo destacar así mesmo a colaboración entre os Concellos de Burela e Lourenzá na Feira do Bonito, “un exemplo de como a sinerxia creada permite ofrecer unha experiencia rica e diversa, promovendo a calidade dos produtos locais e fortalecendo a identidade e a economía comarcal”.