Claudio Rodríguez Fer recibiu a distinción de Cunqueiriano de Honra de Mondoñedo

AMariñaXa
O poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador, Claudio Rodríguez Fer, recibiu a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2024 no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo.
CLAUDIO RODRÍGUEZ FER CUNQUEIRIANO DE HONRA 2024 mondoñedo
29 Feb 2024

O poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador, Claudio Rodríguez Fer, recibiu a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2024 no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo.

Converteuse, así, no oitavo homenaxeado desde que se instituíu este galardón promovido polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.

Neste 2024 unha comisión designada polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro decidiu premiar a "longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é Claudio Rodríguez Fer", explican desde o Concello de Mondoñedo.

A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Manuel Lourenzo (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC).

Biografía de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, amais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo.

Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre.

É autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura de Álvaro Cunqueiro, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado, amais, amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996). Así mesmo, dirixiu o Congreso Álvaro Cunqueiro e a Cultura Europea (1991) e conferenciou sobre o mindoniense en infinidade de congresos e xornadas por todo o mundo.

Con esta designación de Claudio Rodríguez Fer como Cunqueiriano de Honra, que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Anonio Molina ou Manuel Lourenzo, entre outros.

0.099814891815186