Citas para todas as idades no Entroido de Viveiro
O Concello de Viveiro anunciou os detalles do programa do Entroido 2023 que inclúe unha ampla oferta de actividades dende o xoves, día 16, ata o mércores 22 de febreiro.
“Esperamos que tanto os nosos veciños e veciñas como os visitantes que estes días se acheguen ata Viveiro desfruten deste programa de Entroido cheo de música, de diversión e de festa”, subliña a alcaldesa María Loureiro, que agradece aos comerciantes e aos hostaleiros a súa implicación.
“Queremos involucrar a toda a veciñanza, que todos se sintan protagonistas destas festas, por iso apostamos por un programa variado que seguro invitará a saír ás rúas”, engade Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura en Viveiro.
A programación ábrese co “Juepeo especial de comadres”, onde non faltarán as sorpresas, para continuar o venres 17 cos máis cativos como protagonistas do Entroido Escolar “Á mañanciña” polas rúas de Viveiro, Covas e Celeiro.
O sábado 18, dende as 12:30 horas a “Troula de Entroido” será amenizada por “Espera que vou mexar”, mentres que entre as 20:30 e 21:30 horas o pasarrúas por Covas contará coa Charanga da Carmiña.
Ese mesmo sábado, ás 20:30 horas, o Teatro Pastor Díaz acolle o certame “Alpuxarras 2022” presentadas por Pepe do Galicia, e xa dende as 22:30 horas seguirán os pasarrúas.
Os Obradoiros de Entroido “Imos facer a Parrochiña” son a gran proposta para a mañá do domingo 19, xunto a festa polas rúas de Celeiro e de Covas da Charanga da Carmiña. Xa as 17:30 horas a rapazada desfrutará cos hinchables nos Xardíns Noriega Varela.
Continuará a festa o luns 20 cunha nova quenda de Obradoiros e a festa infantil “Enredos de Entroido” na carpa da Praza Maior. A mesma localización acollerá a “Troula de Entroido” a cargo do Trío Zafiro dende as 22:00 horas.
Para o martes 21, ademais do Gran Desfile que sairá ás 17:30 horas dende a explanada da Variante con final na Praza Maior, haberá na Praza Maior unha “DiscoTroula”.
O Enterro da Sardiña do mércores pechará o Entroido cunha recepción de Autoridades na Biblioteca Municipal pola mañá. Ás 18:00 horas descubrirase unha placa conmemorativa, ás 18:30 será o momento do “Enterro da Parrocha” infantil e do chocolate con churros, e ás 21:00 horas da versión adulta coa charanga “Santa Compaña” con reparto de bolos preñados e viño.