Cinco estudantes do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participan na Olimpíada polos 40 anos de España na UE

Cinco alumnos e alumnas do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participaron o pasado 25 de febreiro na Olimpíada sobre o 40 aniversario da adhesión de España á Unión Europea, unha iniciativa dirixida a promover o coñecemento do proxecto comunitario, estimular a reflexión crítica e espertar o interese da mocidade polas institucións europeas.

Leire Alves Martínez, Aya Bendaoud Kantini, Uxía Díaz Saavedra, Martín García Díaz e Ainara Vega Monteserín, estudantes de 4º da ESO, desprazáronse ata o edificio Redeiras da Universidade de Vigo acompañados polo seu profesor de Filosofía, Manuel Yáñez. Alí compartiron xornada con alumnado doutros catro centros galegos que tamén concorrían á fase rexional.
O grupo foi recibido por Emma Fernández Sánchez, presidenta da Delegación en Galicia de Equipo Europa, e tivo ocasión de escoitar a intervención de Mar Rodríguez Mediavilla, subdirectora xeral de Relacións coa UE. A programación completouse cunha sesión formativa en formato masterclass antes da realización da proba central, centrada nas oportunidades que ofrece a Unión Europea á cidadanía moza.
A fase galega consistiu na redacción dun ensaio arredor de diferentes aspectos vinculados ao 40 aniversario da adhesión española ao proxecto europeo. Xunto ao centro ribadense participaron o IES Salvaterra de Miño, o IES Xesús Taboada Chivite, o IES Monelos e o IES Leliadoura, nunha xornada que serviu tamén para intercambiar impresións e experiencias entre estudantes e profesorado de distintos puntos da comunidade.
A Olimpíada sobre a Unión Europea enmárcase no programa Europa na Aula, impulsado por Equipo Europa desde 2019. A través desta iniciativa desenvólvense charlas e actividades formativas en centros de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio de todo o Estado, co obxectivo de achegar o funcionamento das institucións comunitarias e os seus valores fundamentais ás novas xeracións.
Os resultados da fase rexional daranse a coñecer a mediados de marzo. O centro gañador accederá á fase nacional, que se celebrará en Granada entre o 17 e o 19 de abril. Ademais, o equipo vencedor a nivel estatal viaxará posteriormente a Bruxelas para coñecer de primeira man as institucións europeas. Os tres mellores clasificados participarán tamén o 9 de maio en Madrid nos actos do Día de Europa, onde recibirán os correspondentes diplomas e recoñecementos.
Para o alumnado do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, a experiencia supuxo unha oportunidade para profundar no significado da pertenza á Unión Europea e para abordar, desde unha perspectiva académica e crítica, os retos e posibilidades que abre o proxecto común europeo.