Cinco escolas de música levarán a cabo en Foz e Mondoñedo o primeiro Encontro de Bandas
A primeira edición dos encontros de bandas das escolas de música da Mariña presentouse en Foz e desenvolverase no vindeiro mes de abril en Burela e Mondoñedo. No acto participaron os alcaldes de Foz e de Mondoñedo, Fran Cajoto e Manuel Otero, ademais dos directores das escolas de música participantes nesta iniciativa: Xan Carballal (Burela e Mondoñedo), Hugo García (Ribadeo), Felipe Sánchez (Foz) e Xulia Nogueira (Xove).
As cinco escolas de música levarán a cabo conxuntamente estes encontros de bandas, que se celebrarán este curso nos auditorios municipais de Burela e de Mondoñedo os días 15 e 29 de abril respectivamente. Os promotores desta iniciativa explicaron que “será caldo de cultivo para as relacións entre os alumnos pertencentes á materia de Banda das diferentes escolas da Mariña co fin de compartir en sociedade as vivencias musicais fóra do ámbito local”.
Os directores das cinco escolas están moi contentos de levar a cabo a iniciativa xa que “aportará aspectos moi positivos ás relacións entre os diferentes centros ademais de enriquecer a formación dos participantes”.
O alcalde de Foz comentou que “froito da colaboración saen as mellores cousas. Esta é unha gran iniciativa conxunta das escolas de música, unidas para un mesmo fin común: que as bandas de música medren, que os rapaces se animen a participar nunhas agrupacións musicais que temos presentes en tantas festas e eventos. En Foz recordamos a Arcadio cun enorme cariño, entre outras cousas por legarnos unha banda que leva o nome de Foz con orgullo alá onde vai e que preside os actos de maior relevancia do noso municipio, grazas agora á batuta de Pablo Peláez”.