Cinco edificios do Valadouro terán enerxía con biomasa

TerraChaXa | AMariñaXa
Cinco edificios do Valadouro terán enerxía con biomasa. Será no pavillón, a gardería, o colexio, a casa da cultura e a piscina.
18 Dec 2020

O pleno extraordinario do Concello do Valadouro aprobou un expediente de modificación de créditos con cargo ao remanente líquido de tesourería que utilizará para poñer en marcha unha caldeira de 300 kw de potencia de biomasa creando unha rede de calor que alimentará cinco edificios públicos, o pavillón, a gardería, o colexio, a casa da cultura e a piscina.

Actualmente estes edificios contan cunha caldeira de gas que se manterá como apoio, aínda que a nova instalación de biomasa proporcionará auga quente sanitaria e calefacción que servirá para estes edificios, en especial para vestiarios e incluso durante o verán, darase un lixeiro amorne á auga do vaso da piscina.

Está previsto que se instale un sistema de biomasa de carga automática cunha potencia nominal de 300 kw, cunha modulación desde 100 kw. Segundo o proxecto, a caldeira alimentarase de modo automático desde un silo de obra que se situará nunha sala anexa á beira da sala de caldeiras. Instalarase un depósito de inercia de 20.000 litros que almacena a enerxía que xera a caldeira de biomasa.

Ademais, instalaranse contadores de enerxía para medir os consumos en cada inmoble e un sistema de telexestión con comunicación de alarmas que poida enviar avisos a varios correos electrónicos. O combustible almacenarase nun local ou almacén, con capacidade para 80 metros cúbicos. O pasado novembro o Inega concederon unha axuda ao Concello para a instalación desta rede de calor de 152.028,27 euros a través dos fondos Feder. A achega do Concello para esta actuación será de 38.007,07 euros.

0.19010901451111