Cinco concellos da Mariña recibirán axudas para mellorar bibliotecas e locais culturais

Foz
AMariñaXa
Burela, Foz, Ourol, Trabada e Cervo contan con proxectos incluídos na convocatoria autonómica
CASA-DA-CULTURA-E-BIBLIOTECA-PuBLICA-MUNICIPAL-DE-FOZ
19 Aug 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas á modernización de infraestruturas culturais, cun investimento global de 500.000 euros en toda Galicia. Na Mariña, cinco concellos beneficiaranse destas subvencións para mellorar a accesibilidade, renovar equipamentos e avanzar na eficiencia enerxética das súas instalacións.

Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, en Ourol destinarase o apoio á mellora da accesibilidade do centro socio-cultural; en Trabada, acometeranse obras de renovación e accesibilidade no local social da parroquia de Sante; en Cervo, actuarase sobre a antiga escola da Rúa para mellorar o seu funcionamento e eficiencia enerxética; en Burela, investirase na adquisición de novo mobiliario para a Biblioteca Municipal; e en Foz, modernizarase e mellorarase a Biblioteca Pública Salgado Toimil.

Estas actuacións forman parte dun paquete de 44 proxectos repartidos por toda Galicia, dos cales 11 corresponden á provincia de Lugo. A Xunta explica que estas axudas poderán cubrir dende reformas e ampliacións ata a compra de equipamento técnico como material escénico, iluminación ou son.

O Goberno galego enmarca esta medida no seu plan de modernización das infraestruturas culturais públicas, así como na Lei de cultura inclusiva e accesible, pioneira en Europa, que entrou en vigor a comezos deste ano. O obxectivo, subliñan, é garantir que todos os galegos teñan acceso á programación cultural en condicións de igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.14610505104065