Cinco centros da comarca participan en programas de clubs de lectura
O programa Clubs de Lectura impulsado pola Xunta de Galicia chega este curso a 213 centros escolares de toda Galicia e a aproximadamente 10.100 participantes.
O programa vai dirixido a centros públicos titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou de réxime especial. Por provincias, do total de participantes neste curso, 86 centros pertencen á provincia da Coruña, 34 centros á de Lugo, 23 á de Ourense e 70 á provincia de Pontevedra.
Na comarca participan o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, o IES Enrique Muruais da Pontenova, o CIFP Porta da Auga de Ribadeo e o EOI de Viveiro Luz Pozo Garza e o IES María Sarmiento de Viveiro.
A iniciativa, que forma parte do Plan Lía de Bibliotecas escolares, ten como obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe desde o espazo da biblioteca escolar de cada centro.
Para tal fin, o Goberno galego destina un total de 220.000 euros a este programa cunha asignación por centro para, fundamentalmente, a adquisición de libros para as actividades do club de lectura (que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca) e para outros gastos derivados do seu funcionamento.
Convivencia e autoestima
Estes clubs actúan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas con pouco interese por este hábito. Estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.
Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.
O pasado curso participaron nesta iniciativa un total de 247 centros de toda Galicia e aproximadamente 13.100 alumnas e alumnos.