CIG Saúde denuncia que o recorte na ambulancia medicalizada de Foz empeorará o servizo

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
13 Maio 2019

CIG Saúde exixe o mantemento da dotación completa de persoal da ambulancia medicalizada de Foz e a atención 24 horas na comarca da Mariña, tras coñecerse que os novos os novos pregos do contrato ofertado polo SERGAS e o 061 recollen a eliminación dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias), sendo a única ambulancia de soporto vital avanzado de todas as existentes de Galiza que sofre este recorte.
Para a Federación de Saúde da CIG isto supón un novo ataque contra a sanidade da comarca convertendo aos mariñaos e mariñás en cidadás de segunda. “A implantación da Xerencia Integrada, sumado á reforma da Lei de Saúde que suprimiu a Área Sanitaria, e agora o recorte de persoal na ambulancia medicalizada de Foz, supón, como vimos denunciando dende hai anos, a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da Mariña”, afirman.
Ademais, consideran “unha burla a toda a veciñanza da Mariña” que dende o 061 se asegure publicamente que o novo modelo de ambulancia de Foz mellorará o servizo coa perdida dun TES, “cando esta é unha figura fundamental na asistencia ás emerxencias en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital”.
MEDIACIÓN DA XERENTE EXECUTIVA DO HOSPITAL DA MARIÑA
Diante deste deterioro continuado, a CIG insta á Xerente Executiva do Hospital da Mariña, María José Cortés, a manifestarse publicamente e mediar coa Consellería de Sanidade para evitar este novo recorte “e demostrar así que traballa para garantir unha atención sanitaria digna para a cidadanía da Mariña, e que non obedece submisamente ordes políticas, indo contra os intereses da Sanidade da nosa comarca”.
DOTACIÓN DE PERSOAL DAS AMBULANCIAS DE TIPO C OU SVA
A respecto do que suporá a eliminación dun TES, a CIG Saúde explica que as ambulancias de clase C, ou de soporte vital avanzado (SVA), deben estar acondicionadas para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta. O equipo humano que debe integrar cada ambulancia asistencial de SVA consta, e así o afirma a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 na súa páxina oficial é: 1 médico/a, 1 enfermeiro/a, 1 condutor/a técnico e 1 axudante técnico/a; todo este persoal debe ter unha formación específica en emerxencias sanitarias.
Os protocolos de traballo están definidos para catro traballadoras/es que están en contacto permanente coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ( CCUSG-061), a través de teléfono, radio e sistema de localización por GPS. Pero ademais, estas ambulancias deben prestar servizo as 24 horas, os 365 días do ano, algo que, advirte a CIG Saúde, se incumpre na Mariña ao prestar servizo só 12 horas.
Do mesmo xeito no DOG (Diario Oficial de Galicia) do mércores, 20 de xullo de 2016 ORDE de 29 de xuño de 2016 pola que se aproba a Carta de servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a propia Consellería de Sanidade regula a dotación de persoal: O equipo humano que integran estes dispositivos de transporte de SVA é o seguinte: No caso das ambulancias asistenciais de SVA: • Un médico con experiencia na atención en urxencias e emerxencias. • Un enfermeiro experimentado na atención en urxencias e emerxencias. • Un condutor TES co correspondente título homologado ou recoñecido. • Outro TES en función de axudante coa mesma cualificación.
Diante deste novo recorte, a CIG Saúde da Mariña esixe que se manteña a dotación completa da ambulancia medicalizada de Foz e que se preste servizo ás 24 horas do día para garantir os tempos de resposta e unha asistencia ás situacións de urxencias e emerxencias adecuada.

0.11370706558228