CIG-Saúde denuncia as carencias do Hospital da Mariña, incapaz de cubrir as necesidades sanitarias da comarca

A CIG-Saúde denunciou o pasado fin de semana a grave situación que está a vivir o Hospital da Mariña, incapaz de dar resposta ás necesidades sanitarias da veciñanza da comarca. Segundo a central sindical, a xente que precisa atención urxente non pode ser atendida adecuadamente no hospital mariñán, o que obrigou a un continuo trasvase de pacientes á cidade de Lugo. As ambulancias, destinadas en principio para os traslados de urxencia, tiveron que asumir un volume de pacientes tan alto que foron utilizados vehículos destinados ao transporte de persoas en rehabilitación ou diálise, co consecuente risco para a saúde dos pacientes. A situación foi descrita como "unha verdadeira guerra", onde até cinco pacientes foron transportados ao HULA nunha mesma ambulancia, baixo a atención dunha única enfermeira.
A crise no Hospital da Mariña arrastra tamén as consecuencias dunha falta crónica de persoal facultativo en áreas clave como Psiquiatría, Radioloxía, Neuroloxía, Cardioloxía, Uroloxía, Dixestivo ou Medicina Interna. Este desabastecemento de recursos humanos, segundo CIG-Saúde, foi un dos principais factores que contribuíu aos traslados masivos de pacientes ao HULA durante o pasado fin de semana. A situación agravouse, ademais, cando o TAC do hospital se averiou o sábado pola tarde e permaneceu inoperativo durante todo o fin de semana e ata a tarde do luns, debido á privatización do servizo de mantemento e á falta de resposta por parte da empresa encargada.
CIG-Saúde tamén denuncia a "degradación" na que se atopa o centro hospitalario e a súa incapacidade para ofrecer servizos de calidade á cidadanía da Mariña. A central nacionalista sinala como responsables desta situación á Dirección do Hospital, á Xerencia da Área Sanitaria e ao Conselleiro de Sanidade, aos que exixe que asuman as súas responsabilidades. A CIG tamén avanza que se os dirixentes políticos seguen a xustificar o fracaso deste modelo sanitario, deberían dimitir.
"Volverán a dicir que se sabemos onde están os médicos que lles digamos. Non imos parar de berrar onde están os mellores servizos que nos venderon", afirmou CIG-Saúde, que denuncia as políticas sanitarias do Partido Popular como as culpables dunha situación onde os servizos son cada vez peores e máis escasos, obrigando á veciñanza da Mariña a depender de traslados e derivacións a Lugo.