CIG Saúde denuncia a demora na entrega dunha padiola regulable para unha traballadora do Centro de Saúde de San Cibrao

AMariñaXa
A central sindical alerta do risco para a saúde da profesional e esixe solución inmediata á Xerencia da Área Sanitaria para evitar denuncia en Inspección de Traballo
Centro-saude-san-cibrao-
27 Jun 2025

Dende CIG Saúde A Mariña denuncian que unha traballadora do Centro de Saúde de San Cibrao leva case dous anos agardando por unha padiola regulable en altura, despois dun informe de Saúde Laboral que recomendaba o seu uso. Ata o momento, a profesional non recibiu o equipo, situación que, segundo a central sindical, está a poñer en risco a súa saúde.

A central sindical levou esta cuestión ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral en varias ocasións, sen que a Xerencia da Área Sanitaria dera unha resposta positiva. A pesar de que en meses recentes se entregaron padiolas regulables en diferentes centros, a Xerencia non priorizou o seu achegamento ás traballadoras con informes médicos que o requiren, o que evidencia unha mala planificación por parte do ente sanitario.

CIG Saúde A Mariña sinala que unha parte considerable dos accidentes laborais con baixa médica entre o persoal sanitario están vinculados a sobreesforzos físicos, principalmente lesións dorso-lumbares e trastornos músculo-esqueléticos. Estas lesións relacionan a utilización de equipos pouco ergonómicos, como as padiolas non regulables en altura, que dificultan a mobilización e atención correcta dos pacientes. Pola contra, as padiolas regulables son fundamentais para mellorar as posturas laborais e minimizar o risco de lesións.

Desde a central advertiron que a Xerencia está a incumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais e a ignorar os informes de Saúde Laboral, situación que pon en perigo a integridade da traballadora afectada. Por iso, esixen unha solución inmediata e avisan que, se non se corrixe esta situación, non dubidarán en presentar unha denuncia formal ante a Inspección de Traballo.

⚙ Configurar cookies
0.15678596496582