CIG-Saúde A Mariña fai un chamamento á mobilización en defensa da sanidade pública

AMariñaXa
O sindicato convoca á cidadanía á manifestación do 23 de marzo en Viveiro para protestar contra a situación da sanidade na Mariña e reclamar a mellora dos servizos e recursos
Cig-bandeira-xeral
18 Mar 2025

CIG-Saúde A Mariña quere facer un chamamento ás traballadoras e traballadores e á veciñanza da comarca para participar na manifestación convocada para o domingo 23 de marzo en Viveiro. A protesta, organizada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, ten como obxectivo reclamar a mellora da sanidade pública na zona. O sindicato denuncia o desmantelamento dos servizos, a falta de persoal e a privatización progresiva dos centros de saúde e hospitais.

Segundo a CIG-Saúde, a situación actual da atención primaria é insostible. Falan de escaseza de recursos humanos, como médicos, pediatras, enfermeiras e traballadores sociais, así como a falta de material necesario para a atención á cidadanía. A situación agrávase coa insuficiencia dos PACs, que en moitas ocasións quedan sen persoal suficiente debido á necesidade de trasladarse para atender emerxencias. Ademais, denuncian que a falta de logopedia está a afectar negativamente ao desenvolvemento de menores e adultos.

Outro punto crítico é a ampliación do hospital, que se presentou como unha mellora, pero sen acompañamento de máis profesionais nin servizos de calidade. A falta de consultas como a de cirurxía vascular, electroencefalogramas ou densitometrías e a derivación de pacientes a hospitais privados en Lugo e A Coruña son algúns dos exemplos que a CIG pon sobre a mesa. A falta de persoal tamén afecta a servizos clave como Medicina Interna, Uroloxía e Cardioloxía, provocando listas de espera e a suspensión de consultas.

O sindicato fai un chamamento á participación activa da cidadanía nesta mobilización e denuncia a política de recortes do PP, que a seu xuízo está a desmantelar a sanidade pública. A CIG pide a creación de prazas para todo o persoal sanitario necesario, a mellora das condicións laborais e a recuperación de servizos privatizados, como o mantemento ou a xestión das historias clínicas. Ademais, exixen a cobertura completa das ausencias e a dotación de máis equipos nos PACs.

A CIG-Saúde A Mariña remata o seu comunicado destacando a determinación do sindicato e da cidadanía de non renderse na defensa da sanidade pública. "Sairemos unha e mil veces á rúa para garantir que os servizos públicos non sexan desmantelados", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.10071897506714