CIG-Saúde A Mariña denuncia o colapso do servizo de Uroloxía no Hospital da Mariña

A CIG-Saúde A Mariña alerta sobre a grave situación que sofre o servizo de Uroloxía do Hospital da Mariña, que segundo afirma, dende o pasado 13 de novembro opera cunha soa especialista das tres prazas dotadas. Fan fincapé en que esta problemática vén de lonxe, xa que hai un ano, coa marcha do xefe da unidade, o servizo quedou con dúas prazas ocupadas de xeito crónico. Agora, a ausencia doutro facultativo deixou o servizo en mínimos, incapaz de atender as necesidades dunha comarca con máis de 72.000 habitantes.
Afirma así que do 24 de decembro ao 7 de xaneiro o servizo de Uroloxía pecha pola ausencia da única especialista en Uroloxía que sostén o servizo.
Segundo a central sindical, o Hospital da Mariña debería contar con catro especialistas para garantir unha atención adecuada. Destacan que a realidade actual impide manter un servizo digno, xa que é imposible soster a actividade diaria con consultas reducidas, quirófanos inoperativos, probas diagnósticas sen realizar, e gardas hospitalarias sen cubrir. O persoal existente non pode atender os pacientes ingresados, as consultas programadas e, ao mesmo tempo, manter a actividade cirúrxica.
Consideran que as consecuencias son evidentes. Os pacientes ingresados no Hospital da Mariña deben ser trasladados ao HULA os venres por falta de especialistas durante as fins de semana. Ademais, casos prioritarios deben ser derivados a Lugo, mentres que outros son enviados a centros privados, chegando a esperar ata dous anos para intervencións. As consultas redúcense drasticamente e a actividade cirúrxica está practicamente paralizada, acumulando unha lista de espera insostible, con pacientes pendentes de citar desde 2019.
A CIG-Saúde advirte que, de continuar nesta situación, o servizo de Uroloxía podería pechar por completo. Isto suporía o traslado de todos os pacientes ao HULA, a suspensión de citas e a cancelación definitiva da actividade cirúrxica, agravando aínda máis o abandono sanitario que sofre a comarca.
“A situación de Uroloxía reforza o que dende CIG-Saúde da Mariña vimos advertindo, o abandono absoluto no que se atopa o Centro Hospitalario e a veciñanza da Mariña por parte da Consellería do Sergas coa complicidade do Xerente da Área Sanitaria de Lugo e da Dirección do Hospital da Mariña”, afirman.
Dende a central nacionalista aseguran que este é o froito das políticas sanitarias do Partido Popular polas cales “atopámonos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade digna e de proximidade que releva aos mariñaos e mariñás a pacientes de segunda categoría”, sinalan dende a CIG-Saúde.