Chirlomirlo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
10 Jan 2022

Por Rebeca Maseda

«Son feo, son triste e aínda por riba estou namorado. 

O meu nome é O Chispas. 

Herdei o alcume de meu pai. Era electricista e morreu colocando as luces de  Nadal. Eu era aínda un cativo. Dixéronme que fora un lóstrego. 

E son músico. Músico, músico. Músico da música. 

Un músico cósmico.»... 

Humor e risas. 

«... A música naceu co rechouchío. Da mágoa ou da alegría. Do amor ou da  morte. Por iso, matar un reiseñor, que tanto canta de día como de noite, é un crime  que non ten perdón. Como matar unha andoriña. A primeira sinfonía é a da natureza.  Unha fraga é unha grande orquestra. O vento é música e cada árbore ten a súa. A  choiva é música. Cada onda de mar ten a súa clave musical, o seu chirlomirlo... » 

Beleza e inspiración. 

Estes dous fragmentos pertencen a un dos últimos libros publicados polo gran  Manuel Rivas, O Chispas. En principio trátase de literatura xuvenil -está recomendado  para maiores de 12 anos- pero a verdade é que estamos a falar desas pequenas xoias que  transcenden a idade. Cómico e fermoso a partes iguais. Un tipo de talento reservado a uns  poucos elixidos. Lendo só as primeiras páxinas non podes deixar de sorrir,  inmediatamente xa queres saber máis dese tal “Chispas”, un tipiño singular... 

Existen moitas definicións distintas para o concepto de “música”, pero poucas son tan orixinais e evocadoras como coa que Rivas nos agasalla neste libro. Non podo parar de imaxinar sobre a partitura a Sinfonía “Heroica” de Beethoven escrita no chirlomirlo de Mi bemol Maior ou a Quinta de Mahler no chirlomirlo de Do díese menor, non sería  

xenial? 

Se buscamos o vocábulo “chirlomirlo” no dicionario aparecerá como sinónimo de  estorniño, paxaro da familia dos estúrnidos (sturnus unicolor), de cor negra e peteiro  aguzado en tons amarelos, moi común en Galicia, que adoita vivir en bandadas moi  ruidosas. Sen dúbida, unha definición clara e concisa. Nada que dicir. Pero, acaso non é  máxico trucar as palabras dándolles outra vida, outra historia que contar detrás dun  grupiño de letras ben cosidiñas? Ligar “chirlomirlo” con “clave musical” é simplemente xenial. 

En realidade cada cousa ten o seu chirlomirlo, basta con saber escoitalo. Iso si, é  necesario tomarte o tempo e a calma para poder aprecialo no medio do ruído das nosas  “vidas modernas” ateigadas de tecnoloxía. Vai ser que as redes sociais non teñen  chirlomirlo... Basta con ver Don’t Look Up, unhas das últimas longametraxes estreadas 

en Netflix, dirixida por Adam McKay e protagonizada por Leonardo DiCaprio, Jennifer  Lawrence e Meryl Streep. Esta delirante historia, chea dun surrealismo exquisito, conta  como a especie humana afronta a súa propia extinción debido á súa propia estupidez. A  estupidez elevada á enésima potencia. Máis de dúas horas de risas onde se mestura sátira 

e comedia dun xeito maxistral. Aínda así, lembro unha escena de auténtico caos e  destrución que tiña o seu aquel, o seu chirlomirlo. Esa estraña beleza destrutora presente  na propia Natureza, na súa forza imparable e inexorable. 

E para vós, como soa o chirlomirlo do voso recuncho preferido? Está afinado en  modo maior ou menor? En clave de Fa ou de Sol? Sexa como sexa, senta e escoita con  mimo, con paixón. Porque anda por aí flotando, invisible pero audible... 

Queridiños, só vos desexo un 2022 cheo de chirlomirlos afinados en saúde, boas  novas e cultura, moita cultura!


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19440007209778