Chegan a Viveiro os Sábados de contos

AMariñaXa
O Concello de Viveiro organiza para os últimos tres sábados de setembro —do 11 ao 25— unha nova edición de Sábados de conto
ler conta moito viveiro actividades sabados
31 Ago 2021

O Concello de Viveiro, a través de concellería de Cultura, organiza para os últimos tres sábados de setembro —do 11 ao 25— unha nova edición de “Sábados de conto”, que conta coa financiación do Programa Ler Conta Moito 2021 para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A edil de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, quixo invitar a todos os pequenos e pequenas do concello a participar nesta actividade co obxectivo de “favorecer a lectura desde a infancia para que se enchan de sabedoría e de cultura”. 

A responsable local insistiu no compromiso do goberno local de fomentar que as nenas e nenos viveirenses poidan “somerxerse nestas aventuras que nos proporcionan os libros e que nos fan medrar cun espírito crítico e con máis liberdade”. 

“Princesas e Princesos”, a cargo de Os Contos de Pablísimo, será a primeira das citas o 11 de setembro ás 12.00 do mediodía. O seguinte sábado, 18 de setembro, á mesma hora, será a quenda de Trinketrinke Teatro coa obra “Familias Diversas”. E a derradeira xornada terá lugar o 25 de setembro co conto “Carabranca”, de Iria Pinheiro e a Compañía Eléctrica.

Todas as actividades desenvolveranse na Biblioteca Pública e a entrada será de balde, aínda que haberá aforo limitado e as invitacións terán que retirarse dende o luns anterior ata o venres ás 15.00 horas. A reserva poderase realizar no 982 57 06 06. 

As familias que o desexen poderán enviar aos nenos sen compañía dun adulto, xa que a actividade contará con monitores, garantindo o cumprimento exhaustivo do tódolos protocolos COVID.

ler conta moito
0.18758392333984