Chegan a Mondoñedo as XIV Xornadas Abrindo Camiño
A cidade de Mondoñedo acolle os sábado 12 e 19 de xuño e o sábado 3 e domingo 4 de xullo a décimo cuarta edición das Xornadas do Peregrino ‘Abrindo Camiño’ que, nesta ocasión, percorrerá o parque da Lembranza, o cemiterio vello, o museo da imprenta, a Catedral, a casa dos cóengos e o centro cultural A Casa da xente da Alcántara, entre outros.
Os actos comezarán o sábado 12 de xuño ás 18.00 horas no parque da Lembranza descubrindo unha placa conmemorativa como homenaxe á emigración. Acto seguido será a ofrenda floral aos ilustres mindonienses, Manuel Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga e Álvaro Cunqueiro.
Máis tarde plantarase un teixo conmemorando a festa da árbore, a máis antiga de España acaecida en Mondoñedo no ano 1569 que estará amenizado coa asociación O Pasatempo e o grupo tradicional Gaita Escola.
O mesmo día ás 19.30 horas no auditorio Pascual Veiga será o acto de inauguración destas xornadas que contarán coa actuación musical de Lino Rico e Grupo e cunha charla coloquio sobre a Lembranza da Emigración en América.
O sábado 19 de xuño na Catedral será a homenaxe ao bispo Juan Antonio Muñoz y Salcedo e despois haberá unha charla sobre Lembranza da historia de Mondoñedo. Ás 20.00 horas na praza do Concello haberá un concerto do pianista Juan Rezzuto e do barítono Leopoldo Rojas O'Donell.
O sábado 3 de xullo ás 18.30 horas no auditorio poderase desfrutar da charla A cidade dos museos e ás 20.30 horas do concerto do Festival Mindomúsica.
O último día, o domingo 4 de xullo, ás 10.00 horas dende o centro cultural A Casa da xente da Alcántara sairá un roteiro turístico guiado e ás 12.00 horas continuará o Festival Mindomúsica no centro de interpretación do Camiño Norte.
Ás 13.00 horas sesrá o roteiro Leiras Pulpeiro que visitará a Pena do Unto e a fonte medicinal do Coto da Recadeira, acto seguido na capela de San Ramón da Ferrería de Viloalle haberá un acto relixioso.
Xa pola tarde será o xantar de confraternidade, o torneo da chave por parellas e a inauguración ao centro de interpretación da Antiga Fábrica Electrecista Mindoniense.
Inscricións
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición está aberto. As persoas interesadas poden solicitar información na Oficina de Turismo de Mondoñedo, no teléfono 982 50 71 77 ou contactando coa asociación Abrindo Camiño -organizadora das xornadas- a través do enderezo electrónico elremansoes@yahoo.es ou do teléfono 639 072 769.