Chega unha nova edición do programa ribadense As parroquias en marcha
O Concello de Ribadeo organiza unha nova edición do programa As parroquias en marcha, que se desenvolverá do 30 de xaneiro ao 30 de xuño. Para participar nestas actividades de lecer as persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse nas escolas das parroquias ou chamando ao teléfono 625 10 42 74.
A concelleira de Igualdade, Mónica Freire, explicou que “a veciñanza das parroquias de Ribadeo poderá asistir a actividades de memoria, obradoiros de novas tecnoloxías, cociña, xogos de mesa, tertulias…”.
A edil ribadense sinalou que “as actividades vanse facer nas diferentes parroquias do noso concello, tanto nas do interior como nas da costa. Son totalmente gratuítas e van comezar xa o 30 de xaneiro”.
Freire Rancaño engadiu que “se trata dun programa que ten moi boa acollida entre a veciñanza, de aí que lle deamos continuidade neste 2023. Desde o Concello de Ribadeo animamos a todas e a todos a participar”.
As actividades de lecer serán os luns en Vilela de 10 a 12 da mañá e en Remourelle de 18:30 a 20:30 horas da tarde; os martes en Cinxe de 10 a 12 e en Vilaselán de 18:30 a 20:30; os mércores en Rinlo de 16:00 a 18:00 horas e en Ribadeo de 18:30 a 20:30; os xoves en Ove de 10 a 12 e nas Anzas de 18:30 a 20:30; e os venres en Vilaframil de 10 a 12 horas; en Covelas de 16:00 a 18:00 horas e en Santalla de 18:30 a 20:30 horas.