Chega a xornada ‘Mondoñedo Renace’

AMariñaXa
A xornada Mondoñedo Renace terá lugar este sábado 5 de xuño a partir das once da mañá no auditorio municipal Pascual Veiga
Programa Mondonedo RENACE
4 Xuño 2021

O Concello de Mondoñedo continúa a apostar pola recuperación do seu patrimonio organizando a xornada ‘Mondoñedo Renace’ que terá lugar este sábado 5 de xuño no auditorio municipal Pascual Veiga a partir das 11.00 horas.

“Os obxectivos desta entidade diríxense á recuperación e á potenciación do patrimonio histórico e a loita contra o reto demográfico, na mesma liña que os do noso Concello e o Goberno galego”, puntualizan dende o goberno mindoniense.

A benvida da xornada ‘Mondoñedo Renace’ correrá a cargo da tenente de alcalde e deputada autonómica, Elena Candia, á que lle seguirá a intervención do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sobre a rexeneración e renovación urbana na área Rexurbe Mondoñedo.

Posteriormente, será a quenda de catro relatorios.  A directora xeral de Galician Country Homes, Rosy Costoya, falará sobre o proxecto Mondoñedo Renace: recuperando o esplendor do Antigo Reino de Galicia; a xefa de área do IGVS en Lugo, Mar Gómez Pardo, exporá as axudas á adquisición e rehabilitación de inmobles para vivendas e para a posta en marcha de iniciativas empresariais; o profesor-doutor da Universidade Rey Juan Carlos, Felipe Rodolfo Debasa Navalpotro abordará os conceptos de desinfoxicación e resiliencia; e, finalmente, o historiador e arqueólogo do Concello de Mondoñedo, Abel Vigo, repasará o patrimonio mindoniense.

A programación tamén recolle unha mesa de experiencias nun formato mixto (videoconferencia, vídeo e presencial) denominada “Eu quédome... en Mondoñedo” na que participará a investidora estadounidense Sorina Infante, a compradora da antiga fábrica de gasosas, a francesa Marie Virgiene Joëlle, a tradutora vasca  e xerente do negocio de artesanía de Mondoñedo “A Esmaltería”, Beatriz Olaizola; o madrileño e o arxentino que mercaron unha vivenda indiana, Víctor Gómez e Juan Rezzuto; e dous baleares que mercaron tamén unha casa no casco histórico, Luis e María.

A clausura, arredor da unha e cuarto do mediodía, correrá a cargo do alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, despois da proxección do vídeo promocional do Plan Rexurbe.

A xornada conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o IGVS, Inmobiliaria Áticca, Inmobiliaria Mondoñedo e Hotel Camino de Estrellas.

Programa Mondoñedo RENACE2
0.19473505020142