Chega a sexta edición do festival Callo Fest

AMariñaXa
Unha cita musical organizada pola asociación cultural Amigos da Troula en colaboración co Concello de Cervo
CALLO-FEST-2023.-Foto-de-María-Simón
20 Nov 2024

A asociación cultural Amigos da Troula organiza, en colaboración co Concello de Cervo, a sexta edición do Callo Fest, o venres 27 de decembro. Trátase dun festival máis que consolidado no panorama musical da Mariña nunhas datas tan sinaladas como o Nadal, que serve, tamén, como un ensaio das badaladas de fin de ano.

O principal cabeza de cartel desta edición será o grupo Me Fritos And The Gimme Cheetos, un grupo que nace no ano 2016 para facer versións das mellores cancións a ritmo de punk-rock melódico, con moitas ganas de facer festa.

Outro dos principais alicientes desta cita será o grupo portugués Foo Riders, tributo do mítico grupo americano de rock alternativo Foo Fighters, que interpretarán sobre o escenario temas clásicos da banda, que conta con himnos como Everlong, The Pretender ou Times Like These.

Chegado desde A Coruña, e cun recente paso polo programa Factor X, chega o grupo AWY. A banda chegou a tocar ante 50.000 persoas no Rock 'n' Roll Running Series de Madrid, no Wizink Center.

Por último, o Callo Fest acollerá un dos primeiros concertos da banda Perro Futuro, que conta nas súas filas con Suso Valcárcel, ex batería da banda Supernatural, que pasou polo Callo Fest no ano 2018. Para o remate, como todos os anos, haberá unha disco móbil, que amenizará o ambiente coa mellor música de rock de todos os tempos e callos de balde para todas as persoas asistentes.

Desde a asociación Amigos da Troula sinalan que “o cartel do Callo Fest vai medrando ano a ano, o que nos produce unha gran satisfacción e consideramos que, cada vez máis, realizamos unha proposta coa que o público de Cervo e arredores está máis que contenta”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, considera que “o Callo Fest é unha das citas musicais do ano en Cervo, que ademais nos serve para complementar a programación cultural, e que reflicte os gustos nesta materia dunha gran parte da veciñanza”.

A rexedora quixo incidir na importancia de “apostar pola cultura a través deste tipo de eventos, que traen ao noso municipio artistas importantes e que amplían a axenda de ocio durante os 365 días do ano”.

Por último, García Caramés anima a “achegarse ao Callo Fest o vindeiro 27 de decembro xa que, ademais do apartado musical, espérannos moitas outras sorpresas para todas as persoas asistentes”.

0.19340395927429