Chega a recta final dos roteiros de A Mariña en ruta
O vindeiro sábado seguirán os roteiros de A Mariña en ruta, organizados pola Mancomunidade que xa chegan a súa recta final e nesta ocasión achegaranse ata O Valadouro e Mondoñedo.
A Fraga da Furna é unha ruta de interpretación de ecosistemas característicos da Serra do Xistral. Pretende ser unha iniciación á procura e interpretación de indicios de presenza de fauna silvestre (pegadas, excrementos, depredacións…). A ruta discorre por unha das fragas mellor conservadas do norte galego, onde analizaremos a súa orixe xeolóxica, a súa fauna e flora asociadas, e comprobaremos o contraste cos ecosistemas de altura e turbeiras de cobertor. Poderemos comprobar a presenza de diferentes especies animais, normalmente esquivas e de hábitos nocturnos, a través de cámaras de foto-trampeo.
Municipio: O Valadouro.
Data: 12 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10.00 horass.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Capela de Santa Filomena do Cadramón, O Valadouro. Coordenadas: 43.483430, -7.523549.
Dificultade: Media.
Prazas dispoñibles: 15.
A ruta deseñada é de escaso desnivel pero debe terse en conta que cruzaremos un río en diversas ocasións, polo que se recomenda un calzado resistente á auga. Recomendable levar prismáticos, crema solar e repelente de insectos. Suxírese levar roupa axeitada, con pantalón longo. Debido á situación sanitaria derivada do SARS-Cov2, ofrecerase material de consulta e información da ruta para descargar a través de código QR, polo que se o desexan deberán ter instalada nos seus dispositivos unha app de lectura de códigos.
A seguinte ruta, o 20 de setembro, será Mondoñedo, as mil historias trátase dun paseo cultural por Mondoñedo para coñecer mellor o amplo e valioso patrimonio desta cidade, capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, e un dos seus barrios máis emblemáticos: o Barrio dos Muíños, onde unha sorpresa moi artesanal, espera por nós!
Municipio: Mondoñedo.
Data: 20 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 horas.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Praza da Catedral de Mondoñedo.
Dificultade: Leve.
Prazas dispoñibles: 15.
Lembran o uso de roupa e calzado cómodo (non fai falta impermeable, non imos andar por zonas encharcadas). Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga.
Xa por último, o día 26 de setembro, poderase desfrutar do Roteiro Cunqueiriano, Mondoñedo trátase dun paseo cultural percorrendo recunchos de Mondoñedo relacionados coa vida e obra do gran escritor Álvaro Cunqueiro Mora. Desde a Fonte Vella, fronte á que sitúa a Casa Natal do autor, e ata o Cemiterio Vello onde repousan os seus restos, visitaremos esta cidade definida pola arte e a historia, coa intención de entrar na súa máxica atmosfera literaria.
Municipio: Mondoñedo.
Data: 26 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 horas.
Duración: 3 horas.
Lugar de inicio: Fonte Vella, Rúa da Fonte 6 (Mondoñedo).
Dificultade: leve
Prazas dispoñibles: 15.
Como observacións lembran o uso de roupa e calzado cómodo (non fai falta impermeable, non imos andar por zonas encharcadas). Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga.