Chega a Burela a mostra sobre a apertura como museo da Casa de Rosalía
Inaugurouse en Burela a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía, sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida. A Praza do Concello acollerá ata o 15 de xullo a mostra, con reproducións de documentos, fotografías e textos que repasan a historia da casa e do esforzo colectivo -de institucións culturais, intelectuais e persoas anónimas- que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.
A deputada de Cultura Iria Castro e o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García, acompañados polo tenente de alcalde de Burela Mario Pillado e pola concelleira de Cultura de Burela Lina Gómez, inauguraron a mostra, que chega a Burela no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación que suma unha vintena de localidades.
Iria Castro e Daniel García animaron á veciñanza “a achegarse á exposición, que dá conta do poder mobilizador da figura de Rosalía e da súa obra, mesmo en pleno franquismo” e explicaron que “a itinerancia da mostra procura a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como facemos con outras iniciativas como a realización de murais homenaxe que se veñen realizando nos últimos catro anos en centros educativos”
50 anos da Casa de Galicia
A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa. O contido articúlase en seis capítulos diferenciados:
- A casa e o tren: o porqué da elección da morada
- Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885
- Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940
- A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946.
- O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”
- A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de
miles de galegas e galegos.