César Antonio Molina recibe en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra

AMariñaXa
O sábado 26 de marzo o escritor e profesor César Antonio Molina recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2022.
cesar antonio molina cunqueirano
25 Mar 2022

O sábado 26 de marzo o escritor e profesor César Antonio Molina recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2022. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00h, onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sexto homenaxeado dende que se instituíu este galardón, hai agora un lustro.

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro crearon en 2017 a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.

Neste 2022 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do escritor e profesor César Antonio Molina.

A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Rexina Vega (Cunqueiriana de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Miguel González Somovilla quen pronuncie a laudatio do homenaxeado.

O ensaísta coruñés recibe esta distinción en recoñecemento á ampla serie de antoloxías do periodismo cunqueiriano das que se responsabilizou (Tesoros y otras magias, 1984; Viajes imaginarios y reales, 1986; Los otros caminos, 1988; El pasajero en Galicia, 1989; La bella del dragón, 1991), a edición e tradución da súa poesía (Antología poética, 1983), así como a publicación de ensaios (Homenaje a Álvaro Cunqueiro, 1994), infinidade de artigos, conferencias e capítulos de libros dedicados ao mindoniense, amais de iniciativas como a magna exposición sobre Cunqueiro que organizou o Círculo de Bellas Artes de Madrid en 2003 baixo a súa dirección ou o bautizo da Biblioteca do Instituto Cervantes de Damasco co nome do escritor en 2006, sendo daquela Molina o máximo responsable deste Instituto.

César Antonio Molina, quen durante o acto pronunciará unhas palabras de agradecemento pola distinción, engade este nomeamento a unha longa nómina de prestixiosos galardóns, entre os que se contan condecoracións de diversas ordes de mérito europeas, nomeamentos honoris causa de universidades, numerosos premios de xornalismo, literarios e do ámbito das Humanidades en xeral, ademais da pertenza a academias.

Con esta designación de César Antonio Molina como Cunqueiriano de Honra (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes ou Rexina Vega, entre outros.

0.12834000587463