Cervo xa ten todo a punto para celebrar tres desfiles de Entroido
O Concello de Cervo xa ten todo a punto para celebrar un Entroido por todo o alto, con actividades e festa para todos os públicos que xirarán en torno aos tres desfiles que se celebrarán en Cervo, en San Cibrao e en San Román de Vilaestrofe.
Os actos de Entroido comezarán o sábado 18 en Cervo, cunha actuación infantil na carpa instalada na praza do Souto para dar paso ao prato forte, co Desfile de Entroido que terá lugar o domingo 19 de febreiro. O punto de encontro será o CEIP de Cervo, e as inscricións estarán a disposición dos participantes de 17.00 a 18.00 horas alí mesmo de onde sairá o desfile ata a carpa instalada na praza do Souto onde se fará a entrega dos premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido; a continuación discomóbil Conxuro, poñerá os acordes á festa.
As comparsas, que deberán estar integradas por máis de 8 persoas, e que se anoten antes do sábado 18 de febreiro, recibirán unha cesta de produtos típicos de entroido.
Para máis información e para inscribirse no desfile os/as interesados/as poden chamar aos teléfonos 617 31 32 07 (Rafa) ou 627 30 93 54 (Sandra).
Para o desfile de en San Cibrao, que será o día 21, as inscricións deben realizarse na casa da cultura de San Cibrao. Haberá premios aos mellores disfraces individuais, parellas e grupos, e ás comparsas.
O de San Román de Vilaestrofe será o sábado 25 a partir das 22.00 horas e contará con música dos grupos Unión e Fuerza e a discomóbil Conxuro. As inscricións deben facerse chamando ao 656 272 802.