Cervo vive o emotivo acto 'Unha vela por ti' polo 25N
Na Praza Nardo Martínez de Cervo tivo lugar o emotivo acto 'Unha Vela por ti', con motivo deste Día Mundial de Loita Contra a Violencia de Xénero, en colaboración con Mujeres en Igualdad de Cervo.
Un acto no que tamén se gardou un minuto de silencio polas dúas mulleres asasinadas esta mesma fin de semana que, se se confirman como casos de violencia de xénero, engrosan a lista ata 42 mulleres asasinadas en España no que vai de ano.
Tal e como apuntou a alcaldesa, Dolores García Caramés, destrás de cada unha destas mortes hai unha historia, unha vida truncada. "Por iso non só iluminamos esta Praza –engadiu- senón que iluminamos a memoria de todas estas mulleres que foron vítimas desta lacra, cada unha destas velas representa unha vida que se apagou demasiado cedo, unha muller que perdeu o seu dereito máis fundamental: vivir libre de medo. Neste día recordamos ás que xa non están, e aquí en Cervo de xeito moi especial a María Adela e a María José", sostivo.
Aínda que "o camiño é longo" –apuntou- xuntos "podemos iluminar un futuro no que ningunha muller viva baixo o manto da dor, do medo ou da violencia".
A alcaldesa quixo darlle as gracias a todas as persoas que se sumaron ao acto, e recordou que todo o recaudado coa compra das velas irá destinado á vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, da asociación Saúde Mental A Mariña. O acto estivo amenizado por Verónica Cambón.