Cervo vai enviar material aos bombeiros de Ucraína

AMariñaXa
O Concello de Cervo vai enviar material aos bombeiros de ucraína. Inclúese material de intervención en rescates e extinción de incendios
cervo material ucrania bombeiros
23 Abr 2022

O Concello de Cervo a través do Servizo Municipal de Extinción de Incendios, Salvamento e Protección Civil, vai proceder a facer un envío de material para facilitar o traballo dos bombeiros en Ucraína. 

O alcalde, Alfonso Villares e a tenente alcalde, Dolores García Caramés achegáronse ata a sede do GES xunto con Mario Antuña, responsable do Servizo de Emerxencias Municipal e delegado en Lugo da Asociación Profesional de Técnicos de Bomberos (APTB) onde estaban a preparar o envío de materiais.

Este envío realizarase despois da reunión que mantiveron o embaixador e o xefe de bombeiros ucraíno co presidente da APTB, responsables de bombeiros da Comunicade e do Concello de Madrid e ASELF (Asociación Española de Lucha contra El Fuego ), na que os representantes ucraínos expuxeron as dramáticas situacións ás que se enfrontan día a día os bombeiros en todo o país e solicitaron o apoio a través do envío de materiais para facer fronte ás diferentes situacións que se poden atopar.

Deste xeito, o Concello de Cervo fará entrega de distinto material de intervención en rescates e extinción de incendios entre os que se inclúen dous equipos de excarceración, diverso material de rescate para espazos confinados e 500 litros de espumóxeno, co obxectivo de facilitar o traballo tan complexo que están a efectuar os bombeiros dese país.

O presidente da APTB de Galicia, Juan Jesús Mariño, e Mario Antuña, responsable do Servizo de Emerxencias Municipal e delegado en Lugo da asociación, agradecen a colaboración do Concello de Cervo e dos compañeiros do servizo na entrega deste material.

O rexedor, Alfonso Villares, quixo expresar o seu apoio ao pobo ucraíno e, neste caso, aos bombeiros “que están a facer unha labor moi importante nunhas condicións moi complicadas”.

“Agardamos que o envío deste material permita axudar ao desempeño dos homes e mulleres que traballan como bombeiros neste país” engadiu o alcalde.

0.18150186538696