Cervo úrxelle á Deputación a limpeza das vías da súa titularidade
O Concello de Cervo amosou a súa preocupación polo estado no que se atopan todas as vías de titularidade provincial que transcorren polo termo municipal e cuxo mantemento corresponde á Deputación, “que a día de hoxe están totalmente invadidas pola maleza”, din a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e a tenente alcalde, Dolores García Caramés.
As concelleiras explican que un verán máis, vimos de remitirlle unha solicitude por escrito ao organismo provincial urxíndolle que execute estes traballos “porque o estado destas vías, á marxe da mala imaxe que proxecta, supón un serio perigo para a seguridade dos peóns e do tráfico rodado”.
As vías de titularidade provincial que se atopan nun estado deficiente son a de río Covo-Porto de San Cibrao LU-P-1501; Burela - Vilaestrofe - Ferreira LU-P-1502, Río Covo - Trasbar - Vilaestrofe LU-P-1503, Río Covo - Fábrica de Sargadelos LU-P-1504, Sargadelos - Vilaestrofe LU-P-1505, Cervo - Cuíña LU-P-1506, A Venta - Lieiro LU-P-1507, Figueirido - Paraño - Sargadelos LU-P-1508, Pedrouzos - Senra LU-P-1509 e San Cibrao - A Marosa - Burela LU-P-1510.
Desde o Concello de Cervo pídenlle pois, encarecidadamente, á Deputación Provincial que asuma a súa responsabilidade e que acondicione estas estradas con urxencia “porque o verán xa comezou oficialmente, e como saben, é nestas datas cando o fluxo de peóns e tamén de vehículos se ve notablemente incrementado, co correspondente risco que supón a falta de visibilidade e de espazos adecuadamente transitables que detectamos e identificamos en numerosos puntos destas estradas provinciais”.