Cervo tinguirase de rosa para apoiar a loita contra o cancro de mama

AMariñaXa
O Concello organiza o domingo 19 de outubro unha andaina solidaria e unha plantación simbólica de flores no Parque Reina Sofía coa colaboración das asociacións de mulleres do municipio
CERVO-andaina-cancro-2025
15 Oct 2025

O Concello de Cervo presentou este mércores a iniciativa “Cervo en Rosa”, unha actividade que se desenvolverá o domingo 19 de outubro con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama. A proposta, que pretende visibilizar a loita contra esta enfermidade e render apoio ás persoas afectadas e ás súas familias, terá como eixo central unha andaina solidaria aberta a toda a veciñanza.

A marcha dará comezo ás 11:00 horas no Peirao de San Ciprián e está pensada para todos aqueles que desexen sumarse a este xesto de solidariedade. Trátase, segundo explicaron desde o Concello, dunha cita “emotiva e participativa” coa que se busca “encher as rúas de cor rosa e de esperanza”.

O acto de presentación, celebrado no Parque Reina Sofía, contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, da concelleira de Igualdade, Mali Méndez, e de representantes das diferentes asociacións de mulleres de Cervo —Mulleres de San Ciprián, Alborada, As Espalladoras e Mulleres en Igualdade—, que colaborarán activamente na organización da xornada.

Ao remate da andaina, os participantes realizarán un xesto simbólico de unión e esperanza, coa plantación de flores rosas no Parque Reina Sofía. Este detalle pretende representar “a forza, a superación e o espírito de comunidade” que caracterizan á sociedade cervense fronte á enfermidade.

Desde o Concello destacaron a implicación das entidades locais e da veciñanza, agradecendo “a súa colaboración constante en iniciativas solidarias como esta”. Ademais, subliñaron a importancia de manter viva a conciencia sobre a prevención, a investigación e o apoio mutuo como ferramentas fundamentais na loita contra o cancro de mama.

⚙ Configurar cookies
0.070298910140991