Cervo terá unha nova praza no barrio da Atalaia

AMariñaXa
O Concello de Cervo vai acondicionar unha praza no barrio da Atalaia. derrubar unha edificación para transformar ese espazo
concello de cervo edificio
17 Xul 2022

O Concello de Cervo vai acondicionar unha praza no barrio da Atalaia, tal e como establece o acordo subscrito esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Alfonso Villares.

Esta actuación urbanística ten como obxectivo derrubar unha edificación para transformar ese espazo nunha praza coa que se ampliarán os espazos públicos do concello. Ademais, prevese a posible utilización do soto como un futuro aparcamento. As obras disporán dun investimento total de máis de 536.000 euros, do que a Xunta achegará o 70% e o concello, o 30%.

O proxecto pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica.  Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.  

A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten. A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.

Cómpre lembrar que este plan reflicte o compromiso da Xunta á hora de ofrecer o seu apoio ás entidades locais e promover actuacións que, na liña do acondicionamento previsto para Cervo, contribúen a dinamizar as vilas galegas por medio da mellora dos seus equipamentos e servizos públicos.

0.1757960319519