Cervo suma esforzos na loita contra a acacia negra en Sargadelos

O Concello de Cervo participou activamente nunha nova acción contra a acacia negra no marco do Plan de Acción de Alcoa, impulsado pola Asociación de Montes A Bidueira e desenvolvido no conxunto histórico-artístico de Sargadelos. A iniciativa centrouse na erradicación da Acacia melanoxylon, unha especie invasora procedente do sueste australiano e de Tasmania que supón unha seria ameaza para a biodiversidade galega.
A intervención contou coa colaboración de voluntariado da empresa Alcoa, persoal do Concello e o alumnado do Obradoiro de Emprego de Xardinería, que uniron forzas para levar a cabo labores manuais de control ecolóxico desta árbore de rápido crecemento. A técnica empregada consistiu na eliminación da casca dende a base ata aproximadamente metro e medio de altura, co obxectivo de interromper o transporte interno de nutrientes e provocar a morte progresiva da planta.
A concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, desprazouse ata a zona para mostrar o seu apoio e subliñar a importancia deste tipo de accións: “Trátase dunha tarefa vital para garantir a conservación dos nosos ecosistemas, seriamente ameazados pola expansión descontrolada desta especie”. Segundo indicou, no espazo natural de Sargadelos xa se actuou sobre máis de 200 exemplares de acacia.
A presenza da Acacia melanoxylon en Galicia representa un grave problema ambiental pola súa capacidade de rexeración, a facilidade coa que dispersa sementes e a súa habilidade para impedir o crecemento doutras especies baixo a súa copa. Estas características convértena nunha das especies máis difíciles de erradicar.
Desde o Concello de Cervo agradeceron “a implicación de todas as entidades participantes e do voluntariado” e destacaron que esta actuación é un exemplo do valor do traballo conxunto na defensa do patrimonio natural.