Cervo prepárase para a 47ª Queimada Popular cunha edición chea de homenaxe, tradición e festa

AMariñaXa
A cita, declarada de Interese Turístico Galego, renderá tributo a Xosé Vizoso o sábado 23 de agosto
47-queimada-popular-cervo-2025
18 Aug 2025

O Concello de Cervo volverá converterse este sábado, 23 de agosto, no epicentro da festa coa celebración da 47ª edición da Queimada Popular, un evento xa histórico na Mariña que combina cultura, identidade e memoria colectiva.

Nesta ocasión, a celebración contará cun compoñente moi especial: a homenaxe a Xosé Vizoso, recoñecido artista plástico e autor dos carteis que, durante décadas, deron imaxe e personalidade á Queimada. Por primeira vez, o cartel non leva a súa sinatura, mais o relevo recaeu no seu fillo, Daniel Vizoso, quen presentou unha creación chea de emoción, recordo e futuro.

Na presentación oficial, a alcaldesa Dolores García Caramés subliñou que “a Queimada é moito máis ca unha festa; é unha expresión da nosa identidade e un símbolo de compromiso coa tradición”. Tamén destacou o labor da asociación Airiños do Xunco, organizadora da cita, “que con traballo incansable mantén viva a esencia desta celebración, sempre coa colaboración do Concello”.

A concelleira de Cultura, Mali Méndez, o edil Adrián Arias e membros da entidade promotora acompañaron a presentación, poñendo en valor o carácter singular dunha festa que mestura escenificación teatral, ambientación tradicional, ritual máxico e música para todos os públicos.

O programa arrincará ás 10:00 horas coa apertura do Mercado Tradicional, que encherá as rúas de artesanía, gastronomía e produtos locais. Ao mediodía celebrarase o pregón institucional e continuará a animación polos postos, cun xantar popular aberto a toda a veciñanza.

Xa á noite, ás 23:00 horas, terá lugar a baixada cara á Praza do Souto, punto neurálxico da festa. Alí desenvolverase a escenificación da Queimada, un ritual que une lume, lenda e dramatización e que cada ano sorprende ao público. Despois do conxuro, repartirase a queimada entre as persoas asistentes, e a música poñerá o broche final cun concerto do grupo Gintonic’s e a animación da Disco Móbil Conxuro.

A rexedora convidou a toda a cidadanía e visitantes a gozar da xornada: “Agardamos por vós en Cervo para vivir unha Queimada chea de maxia, emoción e tradición”.

⚙ Configurar cookies
0.14082813262939