Cervo: ruta do Xunco
Este río nace nos montes do Buio e percorre varias parroquias ata desembocar na enseada de Rueta.
Esta ruta de sendeirismo de dificultade moderada iníciase en Sargadelos e acaba na praia de Rueta. Ten un percorrido de case 6 quilómetros o que lle levara aos sendeiristas case 2 horas para admirar a beleza da paisaxe e a natureza da contorna.
Durante o percorrido os participantes gozarán das vistas do río Xunco e dos diversos muíños polos que transcorre o traxecto.
O inicio da ruta atópase na fonte de Sargadelos, cun primeiro contacto visual co río Xunco. A partir de aí tómase contacto co río e séguese o seu curso ata a desembocadura do mesmo na praia de Rueta.
Unha vez nesta fermosa praia e en función do estado da marea, xa sexa preamar ou baixamar, ofrécense dúas posibilidades. Unha saída a través da praia se se atopa en baixamar, ou a través da vía do tren en preamar. A saída a través da vía do tren está sinalizada cun sinal de cruzamento perigoso. Así mesmo, atópanse expostos os horarios de tren para que o sendeirista teña no seu coñecemento as horas de paso.
Como dicíamos ao comezo, o traxecto percorre 11 muíños diferentes e en orde de aparición dende Rueta a Sargadelos son o Muíño de Souto Vello, do Pericaino, do Cubano, de Alexos, da Fionza, da Rubia, das Quintas, de Benito, do Mornelo, do Pernán e das Fábricas Vellas ou Muiño de Vernizes.
O río Xunco nace nos montes do Buio e os seus algo máis de 15 quilómetros percorren as parroquias de Rúa, San Román, Sargadelos e Cervo para finalmente desembocar na Enseada de Rueta. Ten un curso rápido e escasa lonxitude, e ao longo da súa canle existen diversas construcións que aproveitaron forza da auga e serviron para a produción de enerxía, a presa e a minicentral eléctrica. Seguindo a beira do río chégase á ruta do Xunco e a un camiño coñecido como Paseo dos Namorados.
A praia de Rueta está situada na desembocadura do río, sendo unha das paraxes máis singulares da costa lucense. A unión do mar, o areal, a súa orografía repregada en se mesma e a presenza do Castro de Rueta fan deste enclave uno dos máis admirables do Concello de Cervo.
Nas inmediacións do Paseo dos Namorados aparece a Fonte da Tella e o Xardín Botánico (monte da Escarabelada), onde o Concello está a desenvolver o seu proxecto de reforestación con especies autóctonas.
Outro dos ríos importantes do concello é o río Cobo, que nace no mesmo lugar que o Xunco, nas turbeiras de Pao da Vella, nos montes de Buio. Este río que tamén posúe unha lonxitude similar á do Xunco, rega as terras de Trasbar, Castelo, Gondrás e O Guioncho ata finalizar no mar no estuario á beira da praia de O Torno.Estes dous alvéolos, os máis importantes do termino municipal cervense, posúen, especialmente nos seus tramos altos, abundante flora autóctona como amieiros, salgueiros, freixos, bidueiros, etcétera, así como unha rica fauna composta de peces como as troitas e reos e de ras e píntegas. Ademais, tamén se poden ver nas súas augas lavercas e aves coma as lavandeiras, garzas ou o merlo acuático.