Cervo renderá homenaxe a Xosé Vizoso coa creación da “Sala Cultural” que levará o seu nome en Sargadelos

O Concello de Cervo, en colaboración coa asociación Airiños do Xunco, celebrará este sábado 18 de outubro ás 19:30 horas un emotivo acto no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos para bautizar a Sala das Carboeiras co nome de “Sala Cultural Xosé Vizoso”, en homenaxe ao recoñecido artista e creador recentemente falecido. A proposta, impulsada por Airiños do Xunco tras o seu pasamento, foi recibida con entusiasmo polo Concello, que a apoiou dende o primeiro momento.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, subliñou que con este nomeamento “queremos agradecer e perpetuar o legado de Xosé Vizoso, unha figura que fixo de Cervo a súa inspiración constante. A súa creatividade, xenerosidade e compromiso coa cultura deixaron unha fonda pegada no noso municipio”. Engadiu tamén que “esta sala será un espazo vivo, no que a arte e o coñecemento seguirán florecendo, mantendo presente o seu espírito e o seu amor pola creación”.
Durante o acto, a agrupación Airiños do Xunco inaugurará unha exposición que reúne os carteis da Queimada Popular deseñados por Vizoso ao longo de preto de cincuenta anos. A mostra ofrece un percorrido pola súa obra gráfica máis ligada á identidade cervense e a unha das festas máis emblemáticas do municipio, declarada de Interese Turístico Galego e organizada cada ano coa dedicación e o entusiasmo da asociación.
O Concello explicou que se están valorando tamén outras propostas de diferentes colectivos locais para continuar recoñecendo e poñendo en valor a figura e o legado de Vizoso, un creador que, ademais da súa faceta artística, mantivo sempre unha fonda conexión coa comunidade cervense e co patrimonio cultural de Sargadelos.
A antiga Sala das Carboeiras, recentemente renovada, transformouse nun espazo multidisciplinar aberto á creatividade e á cultura en todas as súas expresións. O novo recinto está preparado para acoller proxeccións, conferencias e exposicións de pintura e escultura, entre outras actividades. Polas súas características e dimensións, a sala aspira a converterse nun referente cultural comarcal, un punto de encontro entre artistas, profesionais e público xeral, que fomente a inspiración, o diálogo e a difusión da arte.
Dende o Concello de Cervo fan un chamamento á veciñanza e ao público en xeral para participar neste acto de lembranza, recoñecemento e celebración da vida e da traxectoria dun dos creadores máis queridos e representativos da Mariña.