Cervo rende homenaxe aos seus maiores cun Día do Xubilado cheo de emocións e tradición

O Concello de Cervo celebrou este domingo unha nova edición do Día do Xubilado, unha cita xa emblemática no calendario municipal, que nesta ocasión reuniu a 560 persoas nun ambiente de convivencia e agradecemento ás xeracións que construíron o presente do municipio.
A xornada comezou cunha misa na igrexa parroquial de Lieiro, animada pola coral Terra e Mar, e proseguiu na praza dos Campos, onde unha gran carpa acolleu a sesión vermú e un xantar tradicional composto por callos e lacón, que fixo as delicias dos asistentes.

Como mostra de recoñecemento, o Concello agasallou aos participantes cunha figura de cerámica en forma de cervo, decorada con pan de ouro e elaborada nos talleres do servizo de Saúde Mental A Mariña. Ademais, a celebración contou cun photocall inspirado en “Arruguiñas”, o programa municipal de envellecemento activo que ofrece durante todo o ano múltiples actividades para os maiores.
“Este día é para todos e todas eles. É unha forma de devolverlles un pouquiño do moito que nos deron ao longo das súas vidas”, afirmou a alcaldesa, Dolores García Caramés, durante a súa intervención, agradecendo a participación masiva e o espírito festivo da xornada.
Con iniciativas coma esta, o Concello de Cervo continúa poñendo en valor o papel das persoas maiores como piar fundamental da comunidade.
