Cervo reforza o seu compromiso ambiental con dúas novas plantacións de árbores autóctonas

AMariñaXa
O Concello impulsa unha actividade educativa con 80 escolares para fomentar o coidado dos bosques e continuar co seu Plan Integral de Reforestación
CERVO-plantación-Ceip-Peninsula-da-Paz
12 Apr 2025

O Concello de Cervo continúa a súa aposta pola recuperación e posta en valor dos ecosistemas autóctonos coa organización de dúas xornadas de plantación de especies forestais propias da zona. A iniciativa, impulsada pola área de Medio Ambiente en colaboración coa empresa Alcoa e coa organización Ecoherencia, contou esta semana coa participación de oitenta escolares dos colexios CEIP de Cervo e CEIP Península da Paz.

A primeira das xornadas desenvolveuse este mércores nunha finca de titularidade municipal situada en Sargadelos, no Monte da Escarabelada. Alí, o alumnado do CEIP de Cervo plantou un cento de árbores autóctonas, entre as que se atopaban carballos, castiñeiros, bidueiras e cerdeiras.

A actividade contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez; de Zaloa Blanco, representante de Alcoa; e de Pablo García, coordinador de Ecoherencia. A edil destacou o valor pedagóxico da iniciativa, na que os rapaces e rapazas recibiron tamén unha pequena formación teórico-práctica sobre a xestión sostible dos montes. “Queremos seguir concienciando ás novas xeracións da importancia de coidar os nosos bosques e de aproveitar de maneira responsable os recursos naturais que nos ofrecen”, sinalou.

Desde o Concello puxeron en valor o traballo conxunto das diferentes entidades implicadas, sinalando que esta colaboración “permite non só plantar árbores, senón tamén sementar conciencia, responsabilidade e esperanza nas xeracións vindeiras”.

A segunda xornada terá lugar este venres 11 de abril, cunha nova plantación de cen árbores nunha parcela municipal situada en Cuíña. Nesta ocasión, serán os estudantes do CEIP Península da Paz os encargados de continuar co proceso de reforestación impulsado polo municipio.

Estas accións forman parte do Plan Integral de Reforestación que o Concello de Cervo mantén activo desde hai máis dunha década. Segundo datos achegados pola área de Medio Ambiente, nos últimos quince anos plantáronse xa máis de 10.000 árbores en máis de 25 hectáreas de monte municipal e comunal.

“O noso obxectivo é deixarlles ás xeracións futuras un legado baseado na recuperación dos bosques autóctonos, hoxe tan escasos, e demostrarlles que incluso poden converterse nun recurso de vida no futuro”, asegurou a concelleira, que concluíu cunha reflexión: “se sementamos vida, sementamos tamén futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.15719199180603