Cervo reforza o seu apoio á artesanía coa renovación do espazo de Telmo Cao en Sargadelos

AMariñaXa
O Concello mantén o alugueiro simbólico ao artesán, que continúa a súa actividade nun enclave histórico apostando pola tradición e a innovación
Cervo-taller-Telmo-Cao-2026
2 Apr 2026

O Concello de Cervo vén de renovar o contrato de alugueiro simbólico co artesán local Telmo Cao, que desenvolve o seu traballo desde o ano 2020 no edificio da antiga sala de fundición de Sargadelos. Trátase dun espazo de grande valor histórico que a administración municipal pon á disposición de profesionais co obxectivo de impulsar os oficios tradicionais e dinamizar o tecido artesanal da zona.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou recentemente o taller para coñecer de primeira man o proceso creativo e técnico das pezas que alí se elaboran. Durante a súa estancia, puido observar algunhas das últimas creacións do artesán, entre as que destaca unha parra ornamental de notable complexidade, realizada en aceiro inoxidable e latón, destinada a unha vivenda en Tarragona.

O traballo de Telmo Cao caracterízase pola combinación de materiais e técnicas tradicionais, cunha execución baseada no remachado, sen recorrer á soldadura. Este proceso require un control moi preciso da temperatura, que alcanza arredor dos 1.100 graos, e unha gran habilidade para adaptar o tratamento a cada material, xa que o aceiro e o latón responden de maneira diferente á calor. O resultado son pezas de gran detalle e precisión, nas que se aprecia unha clara inspiración na natureza, con elementos como follas ou acios.

Na actualidade, o artesán é considerado un referente da forxa artística tanto en Galicia como a nivel europeo, sendo recoñecido pola Fundación Michelangelo a través da guía Homo Faber, que reúne a creadores destacados do continente. Desde o seu obradoiro en Sargadelos, elabora pezas únicas e personalizadas, que van desde escaleiras e varandas ata portas ou pérgolas, combinando funcionalidade e expresión artística.

Durante a visita, a rexedora puxo en valor a calidade e singularidade do seu traballo, destacando que “representa á perfección a excelencia da nosa artesanía e contribúe a proxectar o nome de Cervo máis alá das nosas fronteiras”. Así mesmo, incidiu no compromiso do Concello coa continuidade dos oficios tradicionais e co apoio a profesionais que integran innovación e tradición no seu labor diario.

O Concello reafirma deste xeito a súa aposta polo talento local e pola conservación do patrimonio cultural e artesanal, favorecendo iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico, turístico e cultural do municipio.

0.11818885803223