Cervo reforza o compromiso xuvenil cunha nova convocatoria de voluntariado

O Concello de Cervo vén de convocar unha nova edición do programa "Cervo a carón do voluntariado IX", unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 16 e 30 anos que busca fomentar a implicación solidaria e o compromiso activo coa sociedade.
O obxectivo deste proxecto de voluntariado xuvenil é ofrecer aos mozos e mozas unha oportunidade para desenvolver habilidades persoais, reforzar valores como a empatía, a responsabilidade e o traballo en equipo e, sobre todo, sentirse parte activa na construción dun futuro mellor.
A convocatoria ábrese este mércores, 19 de marzo, e está dirixida a todas aquelas persoas interesadas en colaborar como voluntarias nas distintas actividades que se levarán a cabo nos próximos meses. As inscricións e a solicitude de información poden realizarse na Casa da Cultura.
Desde o Concello destacan que este programa é unha ferramenta para a xuventude, permitindo canalizar a súa enerxía en accións que beneficien á comunidade e fomentando unha sociedade máis unida, solidaria e participativa.