Cervo reforza a xestión de residuos cun mini punto limpo itinerante

AMariñaXa
O Concello de Cervp vén de poñer en marcha o servizo de punto limpo móbil, que percorrerá todas as parroquias e distintos lugares
mini punto limpo mobil reciclaxe cervo
8 Ago 2021

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha o servizo de punto limpo móbil, que percorrerá todas as parroquias e distintos lugares do Concello para facilitar a reciclaxe de pequenos residuos domésticos a toda a veciñanza.

O percorrido deste vehículo comeza na parroquia de Rúa, instalándose na Antiga Escola, e alí permanecerá  durante 15 días; para logo ir rotando por diferentes puntos do municipio.

Estará en na antiga escola de San Román , no centro cívico da Senra, A Senra, no aparcamento CHA de Sargadelos, no lavadoiro de Castelo, na capela de Trasbar, na casa Basanta de Viladesuso e Espiñerido, en Gondras- A Venta, en Cuiña- Rueta e en Daián- Figueirido.

Tal e como explicaron o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, que se desprazaron ata a zona para ver en primeira persoa o funcionamento do novo equipamento ecolóxico, "o que pretendemos con este punto é facilitar á veciñanza a correcta reciclaxe de residuos domésticos (telefonos móbiles, lámpadas, cápsulas de café, pinturas e disolventes, sprays e aerosois, pilas, CD-DVD, cartuchos de tinta e de toner de impresora...) achegándolle este equipamento aos seus fogares, ao tempo en que seguimos incidindo na importancia de sensibilizarnos e de levar á práctica hábitos respectuosos co medio no noso día a día".

Este novo equipamento vén completar o servizo do Punto Limpo Municipal situado no Polígono de Cuíña, cuxo horario de apertura ao público no verán é martes e xoves de 8:30 a 14:30  horas, e mércores de 15:00 a 20:00 horas.

Villares e Méndez recordaron que desde o Concello temos en marcha unha política de sensibilización ambiental que inclúe campañas como o "Coida Cervo", un voluntariado de recollida de lixo a fin de poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día  no coidado e na protección da contorna; e agora este novo mini punto limpo pretende ser un novo piar desta política medioambiental, tanto no aspecto didáctico e de sensibilización, como no seu papel á hora de evitar a proliferación de puntos de vertido incontrolados nas contornas e espazos naturais.

0.11216902732849