Cervo reforza a loita contra a velutina cun encontro co sector apícola

O Concello de Cervo celebrou este luns unha reunión coas persoas apicultoras do municipio co propósito de avaliar a situación actual da avespa velutina e o seu impacto directo nas colmeas e na produción local de mel. A xuntanza serviu como punto de encontro para compartir información, inquedanzas e propostas de actuación fronte a unha praga que segue preocupando ao sector.
No encontro, no que participou a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, abordouse a evolución da presenza desta especie invasora nos últimos meses, así como as dificultades ás que se enfrontan as explotacións apícolas. Durante a sesión púxose de manifesto a necesidade de manter e reforzar as medidas de prevención e control, especialmente nun contexto no que a actividade das abellas resulta fundamental tanto para a economía local como para a biodiversidade.
Desde o Goberno municipal destacaron a importancia de manter unha relación fluída coas persoas apicultoras, apostando por unha comunicación directa que permita coñecer de primeira man as súas necesidades e adaptar as actuacións en consecuencia. Neste sentido, Méndez subliñou que o Concello “segue a traballar da man do sector, sendo consciente do impacto que a velutina está a provocar nas explotacións”.
A responsable de Medio Ambiente fixo fincapé en que a primavera constitúe un momento determinante para frear a expansión da praga, ao coincidir coa fase inicial do ciclo da especie. Por este motivo, o Concello intensifica nestas datas as accións de prevención, entre as que destaca a distribución de atraentes específicos.
Durante a propia reunión procedeuse á entrega gratuíta deste produto ás persoas asistentes, co obxectivo de facilitar a captura das raíñas e evitar así a creación de novos niños nos meses seguintes. Esta medida considérase clave para reducir a presenza da velutina no territorio e minimizar os seus efectos a medio prazo.
Ademais, desde o executivo local puxeron en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos neste ámbito, lembrando que este tipo de campañas se veñen realizando de forma continuada desde 2017. Grazas á colaboración co sector, aseguran, foi posible mellorar a resposta fronte á praga e avanzar cara a un modelo de intervención máis eficaz.
O Concello de Cervo reafirma así o seu compromiso co sector apícola e coa protección do medio natural, apostando por medidas sostidas no tempo e pola cooperación coas persoas afectadas para facer fronte a un problema que segue presente no territorio.