Cervo recuperará o histórico Quiosco Juana como punto de información

AMariñaXa
Evocará o deseño e o carácter do orixinal, mediante unha estrutura lixeira de nova planta cunha linguaxe contemporánea, que conservará os valores formais, simbólicos e identitarios da peza orixinal
quiosco-de-Juana-cervo-obras
22 Oct 2025

O Concello de Cervo recuperará o histórico quiosco de Juana como punto de información turística interactivo en San Cibrao.

O Concello de Cervo impulsa un bonito proxecto para revivir un dos símbolos máis queridos e pintorescos de San Cibrao: o antigo quiosco de Juana, converténdoo nun novo punto de información turística interactivo e autoxestionado que unirá memoria, identidade e innovación.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, salientou que “esta actuación é moito máis que unha intervención turística: é un exercicio de respecto e cariño pola nosa historia colectiva, unha maneira de perpetuar unha estrutura tan xenuína que forma parte da alma de San Cibrao e que non deixa indiferente a ninguén”.

O goberno local amosou un interese e compromiso especiais con esta recuperación. A rexedora explicou que “o Concello tiña clarísimo que o quiosco de Juana debía volver ter vida; por iso o proxecto leva case dous anos redactado, agardando a oportunidade de facelo realidade. Cando se abriu a posibilidade de enmarcalo nos fondos do GDR dentro do programa LEADER, non se dubidou nin un segundo”.

O novo quiosco evocará o deseño e o carácter do orixinal, mediante unha estrutura lixeira de nova planta cunha linguaxe contemporánea, que conservará os valores formais, simbólicos e identitarios da peza orixinal.

O espazo converterase nun centro de interpretación e punto de acollida para visitantes, operativo e dotado de recursos dixitais e paneis interactivos, ademais dunha plataforma web accesible desde móbiles, coa finalidade de difundir a historia, o patrimonio e a cultura do Concello de Cervo.

A actuación, como se dixo, está financiada a través do GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural Asociación Terras de Miranda) e supón un investimento de 33.750 euros.

O proxecto incluirá contidos sobre a historia do quiosco de Juana e a súa relevancia social, os principais atractivos turísticos do Concello de Cervo, as festas, tradicións, toponimia e a memoria colectiva local, entre outros.

A alcaldesa, que se achegou ata o quiosco acompañada pola concelleira Mali Méndez, destacou que “esta é unha obra enorme en valor simbólico. Supón recuperar un punto de encontro, un recordo común e un anaquiño da nosa identidade” e quixo agradecer de maneira especial a colaboración de Juana, que rexentou durante moitos anos este histórico quiosco e cedeu a instalación para facer posible a recuperación deste símbolo tan querido de San Cibrao.

Con esta intervención, o Concello de Cervo reafirma a súa aposta por conservar e poñer en valor o patrimonio local, combinando tradición e modernidade para que a memoria do quiosco de Juana siga viva en pleno centro de San Cibrao.

⚙ Configurar cookies
0.077533006668091