Cervo reclama máis prazas MIR para garantir a atención sanitaria nos seus centros de saúde

AMariñaXa
O Pleno municipal insta ao Goberno central e á Xunta a reforzar o cadro médico e asegurar unha sanidade pública estable e de calidade
Foto-reunion-sanidade-alcaldes-vicedo-xove-cervo-viveiro-2025
5 Sep 2025

O Pleno do Concello de Cervo aprobou este xoves unha moción na que se demanda unha mellora da atención sanitaria no municipio, facendo especial fincapé na necesidade de ampliar o número de prazas MIR. A falta de especialistas afecta ao conxunto das comunidades autónomas e repercute directamente nos centros de saúde de Cervo e San Ciprián, onde se reclama unha cobertura completa e continuada.

O acordo tamén inclúe un chamamento á Xunta de Galicia para que, unha vez que o Estado incremente a oferta de profesionais e se formen novos facultativos, se cubran as vacantes existentes e se reforce o cadro médico do Hospital da Mariña, así como as tres prazas correspondentes aos centros de saúde cervenses.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, subliñou que “a cuestión de fondo é que non existen médicos suficientes e, mentres non se convoquen máis prazas e non se forme novo persoal, seguiremos sufrindo recortes e demoras”. Por iso instou ao Executivo central a incrementar con urxencia a oferta pública de emprego, garantindo a dispoñibilidade de facultativos para atender ás necesidades presentes e futuras.

Caramés destacou que mantén un seguimento constante da situación, en contacto permanente coa xerencia da área sanitaria Lugo–A Mariña–Monforte de Lemos, tanto por teléfono como en reunións presenciais, a última delas celebrada este verán. “A saúde da nosa veciñanza é unha prioridade absoluta para este Goberno municipal, e por iso estamos a traballar con rigor e responsabilidade para defender unha sanidade pública de calidade e con asistencia garantida”, recalcou.

A rexedora incidiu na importancia de manter os tres médicos que actualmente prestan servizo no municipio, xa que constitúen unha garantía mínima imprescindible para a atención da cidadanía. O Concello de Cervo reitera así a súa aposta por un sistema público sólido e reclama ao Estado un compromiso firme que permita dotar de máis profesionais á rede asistencial.

“Non se pode pedir á Xunta que cubra prazas que simplemente non existen. Necesitamos que o Estado faga a súa parte e aumente a oferta de emprego público para que haxa persoal dispoñible. Só así teremos unha sanidade xusta e de calidade”, concluíu Caramés.

⚙ Configurar cookies
0.16653800010681