Cervo reclama máis apoio ao relevo xeracional no sector pesqueiro tras unha xornada de traballo en Cantabria

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, participou este luns nos municipios cántabros de Argoños e Colindres na reunión da Comisión de Pesca, Costas e Insularidade da FEMP, un encontro no que o futuro do sector pesqueiro e, en particular, o relevo xeracional, centraron boa parte do debate.
Segundo explicou a rexedora, a falta de incorporación de mozas e mozos á actividade pesqueira está a comprometer a continuidade dun sector fundamental para os territorios costeiros. “A problemática é común en toda a costa e cómpre actuar con decisión”, apuntou. Nesa liña, considerou esencial impulsar medidas que dignifiquen a profesión e, ao mesmo tempo, faciliten a formación dos novos profesionais. “Sería moi positivo achegar cursos específicos aos concellos para favorecer a chegada de máis xente nova e garantir o futuro do sector”, subliñou.
Durante a sesión tamén se avaliaron outras cuestións de relevancia para o litoral, como a necesidade de reforzar a coordinación institucional fronte á contaminación mariña, a situación das infraestruturas tradicionais afectadas pola Lei de Costas e o avance da alga invasora Rugulopteryx okamurae.
Sobre o marco normativo estatal, García Caramés puxo como exemplo o caso de Galicia, que asumiu recentemente a xestión do litoral de maneira efectiva o pasado 1 de xullo. A alcaldesa considerou que esta transferencia constitúe “un paso histórico” para a comunidade: “Aporta seguridade xurídica a milleiros de edificacións e empresas do ámbito marítimo e permite unha xestión máis próxima, equilibrando a protección ambiental co desenvolvemento económico e social ligado ao mar”.
A xornada completouse cunha visita á Confraría de Pescadores de San Ginés, ao porto pesqueiro e a varios proxectos impulsados polo Grupo de Acción Costeira Oriental de Cantabria, onde os representantes municipais puideron coñecer iniciativas destinadas a fortalecer o tecido mariñeiro.
Desde o Concello de Cervo, a alcaldesa destacou “a importancia de participar en espazos de diálogo como este, nos que podemos defender os intereses do noso territorio e apoiar o futuro do sector pesqueiro, que é unha parte esencial da nosa identidade e da nosa economía”.