Cervo recibe o Diploma de Ouro por fomentar praias máis saudables e sen fume

AMariñaXa
O recoñecemento distingue o compromiso ambiental e coa saúde pública das praias do municipio
Cervo-premio-praias-sen-fume-2025
18 Jul 2025

O Concello de Cervo vén de ser distinguido co Diploma de Ouro dentro do programa autonómico Praias sen Fume, unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade que busca reducir o consumo de tabaco nos areais galegos e promover hábitos saudables entre a poboación.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recolleu este galardón nun acto celebrado recentemente en Ponteareas, onde tamén estivo presente o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. O recoñecemento valora o labor realizado polo municipio no ámbito da prevención e sensibilización, xa que as praias de O Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta están integradas na rede galega de areais libres de fume.

Durante o acto, García Caramés salientou que “un dos obxectivos principais desta proposta, activa dende 2016, é concienciar e educar, especialmente á xente moza, sobre a importancia de asumir que o habitual debe ser non fumar, e de conservar as praias como espazos saudables e compartidos”. A rexedora insistiu en que as cabichas e o fume non só deterioran a paisaxe, senón que tamén “afectan á fauna mariña e á calidade da experiencia turística”.

A representante municipal apuntou que, dende o Concello, apóstase decididamente por crear espazos libres de fume “como símbolo dun compromiso real coa saúde, a sustentabilidade e o respecto pola natureza”.

Cómpre lembrar que Praias sen Fume non establece multas nin sistemas de control, senón que se basea na responsabilidade persoal e na colaboración cidadá. A adhesión é voluntaria, pero pretende consolidar unha conciencia colectiva a prol da convivencia e da protección ambiental.

Con esta distinción, Cervo incorpórase a un grupo de 31 concellos galegos e un total de 115 praias que comparten o propósito común de construír un litoral máis limpo, máis seguro e máis comprometido coa saúde pública.

⚙ Configurar cookies
0.15445804595947