Cervo promove a creatividade infantil cun certame de narración e debuxo polo Día das Letras Galegas

AMariñaXa
O concurso, aberto a todo o alumnado do municipio, anima a expresarse en galego baixo o lema “Ler con Coñecemento”
libros-escolares-colegio
5 May 2025

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha un certame de narración e debuxo infantil co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso da lingua entre a rapazada. A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Biblioteca Municipal, está dirixida a nenas e nenos dos centros educativos do municipio: o CEIP de Cervo, o CEIP Península da Paz e mais o IES Marqués de Sargadelos.

Cada estudante recibiu un marcapáxinas informativo coas bases do concurso, no que se convida a presentar unha narración en lingua galega ou un debuxo arredor da temática “Ler con Coñecemento”. O prazo para entregar os traballos estará aberto ata o luns 13 de maio e deberán depositarse na Biblioteca Municipal de Cervo.

Segundo explicou o Concello, o xurado encargado da valoración emitirá o seu fallo antes do 17 de maio, coincidindo coa data na que se homenaxea a figura escollida este ano pola Real Academia Galega. Os traballos gañadores nesta fase local representarán ao municipio na fase provincial do certame, promovido pola Biblioteca Pública de Lugo coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Dende o Concello destacan que esta convocatoria é unha oportunidade para poñer en valor a expresión artística e literaria dos máis novos, ao tempo que se potencia o galego como ferramenta de comunicación e creatividade.

⚙ Configurar cookies
0.15861487388611