Cervo programa dúas actividades para as crianzas
Esta semana as crianzas serán as protagonistas das actividades que programan en Cervo dentro do programa Ler Conta Moito da Rede de bibliotecas de Galicia. Este xoves organizan o Taller Baúl Máxico, que será ás 17.00 horas para os nenos de Educación Infantil, ás 18.00 horas para os que cursan 1º, 2º e 3º de Primaria e de 19.00 horas para as crianzas de 4º, 5º e 6º de Primaria. Terán lugar na Casa do Mar en San Cibrao.
O “Baúl Máxico” é un método baseado no xogo en tres niveis: xogo motor, xogo simbólico e xogo creativo, que permite o desenvolvemento integral da imaxinación e a creatividade. Ademais, o venres é a quenda de Fraga dos mouros, o bosque itinerante dende as 19.30 horas no salón de actos da Casa do Concello. Achega a historia dunha moura e un trasno que deben salvar o bosque. Coa participación dos nenos, atravesarán probas e descubrirán a mitoloxía e a natureza galegas entre xogos, contos, cancións en vivo e malabares.