Cervo presenta unha nova edición dos “Brincos de Lecer coa Ra Ramira”

O Concello de Cervo vén de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa de ocio e tempo libre “Brincos de Lecer coa Ra Ramira”, dirixido ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do municipio. As actividades desenvolveranse durante o curso 2025-2026 na Casa da Cultura de San Cibrao e ofrecen unha ampla variedade de obradoiros orientados a estimular a creatividade, favorecer a aprendizaxe e fomentar a convivencia entre os máis novos.
A gran novidade deste ano será o obradoiro “Playing in English”, unha actividade pensada para mellorar o dominio do idioma a través do xogo e en colaboración coa English School de San Cibrao. A proposta está deseñada para alumnado de Infantil, Primaria e os dous primeiros cursos da ESO, cunha programación adaptada a cada nivel educativo.
Ademais, manteranse iniciativas xa consolidadas como Brincos, para o alumnado de Infantil; Croacbooking, un obradoiro de manualidades; Ramira de Castro, centrado na escritura creativa; Problemas na Charca, con xogos matemáticos; Club de Ramira, unha proposta de lectura divertida; Aprender a Aprender, con técnicas de memoria e atención; e os Findes Anfibios, encontros temáticos que se celebrarán dúas fins de semana ao mes para nenos e nenas de Primaria.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, salientou que “repetimos a iniciativa que tivo moi boa acollida no curso pasado, cando a puxemos en marcha por primeira vez. Queremos ofrecer ás familias unha ferramenta de conciliación tamén durante o curso, nun espazo seguro e educativo onde as crianzas poidan aprender, socializar e desenvolver a súa creatividade. Este ano reforzamos o programa cun obradoiro moi especial, o de inglés, que lles permitirá practicar o idioma dun xeito divertido e dinámico”.
As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de tarde, con grupos diferenciados por idades e niveis, mentres que os Findes Anfibios se celebrarán dúas veces ao mes. As familias interesadas xa poden formalizar a inscrición na Casa da Cultura de San Cibrao.