Cervo presenta unha ampla programación de Nadal con máis de trinta actividades para todas as idades

AMariñaXa
O Concello deseña unha oferta que inclúe obradoiros xuvenís, actuacións musicais, visitas de Papá Noel, festas infantís, deporte e as tradicionais cabalgatas de Reis
Cervo-presentacion-programa-Nadal-2025
6 Dec 2025

O Concello de Cervo vén de anunciar unha completa programación de Nadal para o período comprendido entre o 6 de decembro e o 5 de xaneiro, unha oferta que reúne máis de trinta actividades pensadas para público infantil, xuvenil e familiar, coa colaboración de diversas asociacións do municipio.

As celebracións arrincan o 6 de decembro co Belén de plastilina, que poderá verse ás 12.00 horas na Casa do Concello e ás 17.00 horas na Casa da Cultura. Ese mesmo día, ás 18.00 horas, terá lugar o acesndido do Belén feito de papel reciclado de xornal na Casa do Mar, organizado pola Asociación de Mulleres de San Cibrao.

O 13 de decembro celebrarase o Mercado de Nadal durante todo o día na Praza do Souto, con entrega de premios do concurso de postais. A programación continuará o 17 de decembro co Día do Socio do CIT, previsto para as 21.00 horas no local da asociación.

O 19 de decembro, Papá Noel e un elfo visitarán os centros escolares pola mañá. Os días 20 e 21 será a quenda das actividades xuvenís co Interactive Super Grid + pista multobstáculos de 27 metros, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas na Praza dos Campos. Ese mesmo 20 de decembro celebrarase o Gautegue Arroutiñas de Nadal, ás 19.30 horas na Casa do Mar, organizado polo Concello e a Asociación Terramar.

O día 21, Papá Noel volverá visitar o municipio: pola mañá nas escolas da Rúa e, a partir das 17.00 horas, na localidade de Trasbar, onde tamén haberá merenda e chocolatada. Ese mesmo día, o Salón de Actos do Concello acollerá, ás 19.30 horas, a Gala de Nadal, con grupos musicais e de baile do municipio.

Os días 22, 23 e 24 celebraranse as Actividades Xuvenís “Tren de Nadal” e downhill rollerball, con horario de mañá en Cervo Concilia e de tarde na Praza dos Campos. O 23 de decembro terá lugar unha nova visita de Papá Noel e o elfo á escola infantil ás 11.30 horas e ao Centro de Día ás 17.00 horas, así como unha Festa acuática na piscina municipal de Lieiro de 17.00 a 20.00 horas.

O 24 de decembro, pola tarde, a Praza do Souto acollerá unha Noiteboa infantil, organizada pola Fervenza de Sargadelos. O 26 de decembro celebrarase o Colleite Fest na Praza dos Campos a partir das 20.00 horas.

O 27, as escolas vellas de Cervo acollerán ás 12.00 horas os Brincos de Nadal, que se repetirán ás 17.00 horas na Casa da Cultura. O 28 de decembro, o CDR de San Ciprián ofrecerá a representación teatral “Saíndo do CERO?” ás 11.30 horas.

A programación xuvenil continuará os días 29 e 30 de decembro con actividades de Nerf e obradoiros de tattoos e chapas, con dobre horario de mañá e tarde na Praza do Souto. Ese día 30 celebrarase tamén o Gautegue Arroutiñas de Nadal ás 17.30 horas no CDR de San Ciprián.

O 31 de decembro a animación trasladarase á Praza dos Campos, onde se instalarán alfombras de baile de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. Ese mesmo día disputarase a I Carreira Popular San Silvestre A Fume de Carazo, tamén na Praza dos Campos, a partir das 12.00 horas. Pola noite, ás 19.00 horas, o Local Social de Trasbar acollerá a tradicional Xuntanza e brindis de fin de ano, organizada pola Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar.

Xa no novo ano, o 2 de xaneiro, celebraranse os Brincos de Nadal ás 17.00 horas nas Escolas Vellas de Cervo. O 3 de xaneiro, a mesma actividade terá lugar ás 17.00 horas na Casa da Cultura. Ese 3 de xaneiro, ás 19.30 horas, a Praza dos Campos acollerá un espectáculo musical infantil.

O 4 de xaneiro, ás 18.30 horas, haberá maxia infantil e, ás 20.30 horas, un concerto para todos os públicos, organizado polo Concello e Airiños do Xunco, ambos na Praza do Souto.

O 5 de xaneiro será a xornada das Cabalgatas de Reis. En San Ciprián, o desfile sairá ás 18.00 horas polo paseo e haberá recepción na Praza dos Campos; a actividade está organizada polo Concello e a Asociación de Mulleres de San Ciprián, coa colaboración da ANPA A Península da Paz. Ademais, ofrecerase unha chocolatada con biscoito caseiro e bocadillos ás 18.00 horas na Praza dos Campos, organizada pola Comisión de Festas de Lieiro.

En Cervo, a Cabalgata terá lugar o mesmo día a partir das 19.30 horas, con saída polo paseo e fin de festa na Praza do Souto, organizada polo Concello e Airiños do Xunco.

A programación pecharase o 25 de xaneiro co Campionato de Karate e exhibición técnica de Kumite e Kata, no pavillón municipal de Cervo, organizado polo Concello e o Club de Karate Cervo-Ferrolterra.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.076642990112305