Cervo presenta o programa do Callo Fest, que será o 29 de decembro

AMariñaXa
O Concello de Cervo e a Asociación Amigos da Troula veñen de anunciar o cartel da quinta edición do Callo Fest, que terá lugar na Praza dos Campos de San Ciprián o venres 29 de decembro, e que contará con Abaixo Cu Sistema e Deleiba como principais atractivos musicais.
callo fest cervo
26 Nov 2023

O Concello de Cervo e a Asociación Amigos da Troula veñen de anunciar o cartel da quinta edición do Callo Fest, que terá lugar na Praza dos Campos de San Ciprián o venres 29 de decembro, e que contará con Abaixo Cu Sistema e Deleiba como principais atractivos musicais.

O festival naceu no ano 2017 co fin de unir música e gastronomía á hora de celebrar unha festa de pre-fin de ano para todos os membros da familia. Coa súa quinta edición convértese xa nun dos atractivos da comarca no Nadal.

Este ano contará baixo a carpa do epicentro sancibrense con catro actuacións de rock, metal e punk rock, que rematarán a noite cun DJ que pinchará diferentes estilos musicais. Todo iso, como sempre, redondeado cunha ración de callos ao remate de todos os concertos.

O principal reclamo musical da cita será a banda portuguesa Abaixo Cu Sistema, tributo a System of a Down, que conta cunha longa traxectoria musical, incluídas varias actuacións no Resurrection Fest.

O grupo Deleiba chega desde Muros, avalado polo seu crecemento nos últimos anos, tocando en festivais de renome como o Caudal Fest, o Tsunami Xixón ou o Resurrection Fest.

Pola súa banda, Madame Rachel está formada por cinco lucenses que decidiron unirse para crear unha banda de hardcore melódico con tintes das bardas do norte de Europa, que se suben ao escenario para desfrutar e facer gozar ao público.

O último dos grupos, Calle del Ruído, chega desde Meis, Pontevedra, cun estilo rock agresivo que seguro que porá os pelos de punta a todas as persoas que se acheguen á Praza dos Campos.

O DJ local Conxuro porá o broche final á noite, con música de todos os estilos, para facer desta noite de pre-fin de ano un evento inesquecible.

Unhas badaladas de fin de ano especiais

Ao chegar ás 0:00 horas, entre tanta música farase un breve silencio para dar comezo ás tradicionais badaladas de fin de ano, para as que a organización repartirá cotillón e uvas da sorte e así dar, dese xeito, a entrada ao 2024 nunha noite cargada de moitas emocións e rock & roll.

Desde a organización do festival recomendan estar atentos ás súas redes sociais nas vindeiras semanas para estar atentos e atentas a todas as novidades para esta quinta edición.

callo fest san ciprian
0.21440196037292