Cervo presenta o programa do 25N cun chamamento á unidade social contra a violencia de xénero

AMariñaXa
O Concello organiza o acto central “Unha vela por ti”, actividades educativas e unha campaña simbólica para honrar ás vítimas e apoiar ás mulleres en situación de violencia
Cervo-actividades-25N-presentacion-2025
21 Nov 2025

O Concello de Cervo deu a coñecer a programación institucional do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data na que se reclama a implicación de toda a sociedade para combater esta realidade e apoiar ás vítimas. O lema elixido este ano, “Unha vela por ti”, converteuse no símbolo da campaña municipal, evocando memoria, acompañamento e esperanza.

O cartel foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés, pola concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e por representantes das ANPAS, da comunidade educativa, da asociación Mujeres en Igualdade de Cervo e da entidade Saúde Mental A Mariña, que colaboran activamente no desenvolvemento do programa.

O acto central celebrarase o martes 25 de novembro ás 19:00 horas na Praza dos Campos. Alí terá lugar a lectura de manifestos e desenvolverase un acto solidario, cuxa recadación se destinará á Vivenda Tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, xestionada pola Asociación Saúde Mental A Mariña. A xornada estará arroupada pola actuación musical de Verónica Cambón, que poñerá o peche sonoro ao encontro.

A programación municipal inclúe tamén accións específicas dirixidas ao alumnado. Os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria asistirán á obra teatral “Os soños de Adelina”, do Grupo de Teatro A Mariña, que se representará en dous centros educativos: O día 25 ás 12:30 horas, no CEIP Península da Paz, e o día 26 ás 12:30 horas, no CEIP de Cervo.

A alcaldesa subliñou que “desde o Concello de Cervo reafirmamos o noso compromiso firme e decidido contra a violencia de xénero, situando ás vítimas e a prevención no centro das políticas municipais. O 25N é unha data para lembrar, visibilizar e avanzar xuntos cara a un futuro libre de violencia”.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar na programación e a arroupar ás mulleres que sofren ou sufriron malos tratos. “Fagamos comunidade e fagamos conciencia”, sinalan desde o Executivo local, lembrando que a unión social continúa a ser unha ferramenta fundamental para avanzar cara á igualdade real.

⚙ Configurar cookies
0.071380138397217