Cervo presenta o Calendario de Nadal 2026 protagonizado polas persoas de “Arruguiñas”

AMariñaXa
O Concello edita máis de 2.000 exemplares dunha publicación que destaca a creatividade, vitalidade e participación activa das persoas maiores
Arruguinas-Cervo-calendario-Nadal-2025
3 Dec 2025

O Concello de Cervo vén de dar a coñecer o tradicional Calendario de Nadal, que un ano máis chegará a todos os fogares do municipio e que nesta edición ten como protagonistas, mes a mes, ás persoas usuarias do programa municipal de envellecemento activo Arruguiñas. En total, imprimíronse máis de 2.000 exemplares que se repartirán nos próximos días por cada casa do termo municipal.

O calendario destaca polo seu deseño “moi noso, cheo de identidade e que reflicte o espírito do programa”, segundo subliñan desde o Concello. Cada mes inclúe imaxes das múltiples actividades nas que participa o grupo, amosando o entusiasmo e o compromiso das persoas maiores implicadas.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, encabezou a presentación acompañada do edil Adrián Arias, das concelleiras Mali Méndez e Pilar Armada, e das persoas usuarias de Arruguiñas. Durante o acto, afirmou que “este calendario é un orgullo enorme para o Concello. Non é só unha publicación de Nadal: é un retrato vivo da forza, da alegría, da vitalidade e da creatividade dos nosos maiores”.

A rexedora lembrou que Arruguiñas é un programa ao que lle teñen “un cariño especial”, xa que naceu coa intención de ofrecer ás persoas maiores espazos de participación, aprendizaxe e convivencia. A segunda edición está a consolidarse como unha proposta que traballa polo benestar físico, emocional e social deste colectivo. “Este calendario é tamén unha forma de agradecerlles o seu esforzo, a implicación e a súa disposición constante a probar cousas novas”, engadiu.

Na carta que abre a publicación, Caramés subliña que “en Cervo cremos que cada persoa maior é un tesouro de sabedoría, experiencia e humanidade, e que merece o noso respecto, o noso apoio e todas as oportunidades para seguir participando activamente na vida social do concello”.

O programa Arruguiñas inclúe talleres de memoria, sesións terapéuticas, obradoiros creativos, exercicio físico, actividades de lingua de signos, encontros sociais e charlas. Como novidade deste ano, incorporouse un taller de inglés práctico e funcional para o día a día, que está a ter unha excelente acollida entre as persoas participantes.

Desde o Concello destacan que “este calendario é xa un símbolo do Nadal cervense e un recordo que nos acompañará durante todo o ano, lembrándonos que somos unha comunidade activa, unida e centrada nas persoas”.

A alcaldesa aproveitou para trasladar os bos desexos do Goberno local: “Neste tempo de Nadal, queremos desexar a toda a veciñanza unhas festas cheas de paz, saúde e alegría, e que o ano 2026 nos traia novos camiños para seguir medrando e compartindo como comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.075173139572144