Cervo prepárase para vivir días de música, tradición e sabor nas Festas do Carme e San Roque

AMariñaXa
O programa inclúe a popular Festa do Ovo Frito, misas solemnes, verbenas e a XLVII Queimada Popular
Cervo-festas-Carme-san-roque-2025
12 Aug 2025

O núcleo de Cervo vestirá as súas mellores galas do 14 ao 23 de agosto para celebrar as Festas na Honra da Nosa Señora, Virxe do Carme e San Roque. Unha cita que mestura música, tradición e gastronomía, organizada pola A.C. Rego Cachón en colaboración co Concello e diversas asociacións locais.

A programación foi presentada pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández e representantes de A.C. Rego Cachón, Airiños do Xunco e a Comunidade de Montes da Bidueira. “Son festas que reúnen a veciños, amigos e familias nunha contorna única”, subliñou Méndez, quen agradeceu “o esforzo de todas as entidades implicadas para manter vivo este encontro estival”.

As celebracións arrancarán o xoves 14 coa popular Festa do Ovo Frito, organizada por Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, que contará coa música da Charanga Santa Compaña e a Discomóbil Conxuro.

O venres 15, ás 13:00 horas, terá lugar a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e procesión acompañada por Fol do Raxal. Despois, sesión vermú co grupo Lecer e, á noite, gran verbena con Lecer e o dúo Caramelo. Durante a xornada, o Bar Caseto de Copa ofrecerá degustación de mexillóns.

O sábado 16 repetirase o esquema co Coro de Cervo e Fol do Raxal na misa e procesión, sesión vermú co dúo Zafiro e degustación de percebes. Á noite, actuarán o dúo Zafiro e o grupo Recuerdos, e pechará a festa a Discomóbil Karamelo.

Como broche final, o sábado 23 celebrarase a XLVII Queimada Popular, declarada de Interese Turístico Galego, organizada por Airiños do Xunco. “É un evento que forma parte da nosa identidade e que segue a atraer xente de toda Galicia”, destacou Fernández.

O Concello convida a toda a veciñanza e visitantes a gozar dun programa “pensado para todos os públicos, no que tradición, música e boa mesa se dan a man”.

⚙ Configurar cookies
0.1660418510437